Noticias

Baia Fernández de la Torre presenta no Museo de Pontevedra o seu libro "Unha viaxe de ruminantes"

O acto terá lugar o xoves 16 de xullo, ás 20:00 horas, no salón de actos do Sexto Edificio


16 xul 2015

"Unha viaxe de ruminantes"

Unha viaxe de ruminantes preséntase como unha invitación a sentir, a transmutar as vivencias en aprendizaxe de vida a través desta miscelánea onde hai medo, aceptación, ledicia, amor... Na obra a autora fala dunha viaxe cara ó mundo interior, paso a paso, capa por capa debullando as emocións para mirar de fronte aquilo que se nos presenta. A mostra dunha persoa espida entre verbas que convida a mergullarse con ela.

A presentación do libro correrá a cargo do actor Miro Magariños (coñecido por participar en series da TVG coma Pratos combinados, Mareas vivas, Libro de familia ou Casa Manola), que acompañará a propia autora e contará cun toque musical.

A entrada será libre ata completar a capacidade do local.

Baia Fernández de la Torre

Baia Fernández de La Torre leva anos facendo teatro da man de Miro Magariños e creou o seu propio espectáculo poético teatral chamado Puntada sobre puntada.

Defínese como unha muller creativa e esta condición exprésaa en distintos campos como a perruquería, a maquillaxe, a fotografía... Realiza obradoiros da risa e relaxación e terapias alternativas coma o reiki. Entre estes múltiples oficios e outras tantas afeccións, o novo xeito de expresión que está experimentando é a escritura, para ela unha outra forma de compartir e expandirse.