A Deputación dá inicio a “O noso Nadal” cunha completa programación de actividades e a iluminación dos edificios provinciais
Esta tarde ás 19:00 horas celébrase o acto de acendido das luces no Pazo provincial, en Pontevedra, cun concerto do grupo Ailá e unha chocolatada aberta á veciñanza
29/11/2024
A Deputación de Pontevedra dá esta tarde, ás 19:00 horas, a benvida ao Nadal co acto de acendido simultáneo das 250.000 luces eficientes que alumearán as súas sedes e unha chocolatada aberta á cidadanía no Pazo Provincial que se completará coa música de Ailá. O presidente provincial Luis López anunciou a programación prevista para estas datas, que terá lugar baixo o lema “O noso Nadal” e encherá de tradicións o Pazo provincial, apelando á artesanía e á autenticidade da provincia de Pontevedra. “Na entrada do Pazo temos un abeto cheo de zocos, pandeiretas ou elementos de cestería co que reivindicamos que o Nadal, na provincia, é tamén unha experiencia 100% Rías Baixas”, asegurou López.
Ademais do alumeado e da chocolatada coa que a Deputación de Pontevedra dá inicio ás actividades, o goberno de Luis López preparou un completo programa de Nadal que inclúe visitas teatralizadas, vídeomapping e contacontos no Castelo de Soutomaior e exposicións, recitais de música e obradoiros infantís no Museo de Pontevedra. “Unha programación ampla, para todos os públicos, coa que, de seguro, este Nadal vai ser máis noso que nunca”, confirmou López.
Programación de Nadal no Castelo de Soutomaior
No Castelo de Soutomaior, un dos epicentros do Nadal da Deputación, celebraranse tres actividades diferentes, aínda que o presidente provincial adiantou “que haberá algunha que outra sorpresa máis”. Desta maneira, desenvolveranse as tradicionais visitas teatralizadas , que terán lugar os días 6,7, 8, 21, 22, 28 e 29 de decembro ás 12:00, 16:00 e 17:30 horas con 30 prazas por quenda.
Ademais, este ano volve o videomapping, que se estreou o pasado ano con grande éxito. Será un espectáculo gratuíto de imaxes e efectos visuais proxectado na Torre da Homenaxe do Castelo. As proxeccións realizaranse a partir do 21 de decembro, desde as 19:00 ás 20:30 horas, de maneira continuada cada media hora, exceptuando os días 24, 25 e 31 de decembro e o 1 de xaneiro que coinciden coas datas de peche do Castelo de Soutomaior.
Ademais, hai previstas catro sesións de contacontos, todas elas ás 17:00 horas. Os días 26 de decembro e 2 de xaneiro terá lugar “Un ratiño na cidade”, e os días 27 e 3 de xaneiro “Unha carta para os Reis Magos”, cun total de 120 prazas. Tanto para participar nas visitas teatralizadas como nos contacontos será preciso adquirir a entrada (8€), a partir de hoxe mesmo, en www.castelodesoutomaior.com.
Programación de Nadal no Museo de Pontevedra
No Museo de Pontevedra o programa inclúe, segundo explicou o presidente Luis López, “unha intensa axenda de actividades con exposicións, recitais de música e obradoiros. Todo de balde”.
No caso das exposicións estarán activas catro durante o Nadal. Esta mesma tarde inaugurarase “É tempo de xogar. Colección Juan Manuel Alfaya Ocampo”, que estará aberta ata o 9 de febreiro. Trátase dunha escolma de xoguetes de lata e doutros materiais como chumbo, cartón, madeira e plástico, creados entre as décadas de 1890 e 1960. Ademais, o 13 de decembro abre as súas portas “Acisclo en 66 obras”, unha exposición que revisa a evolución artística de Acisclo Manzano, e aínda se poden visitar as exposicións de José Benito Otero Baena, ata o 19 de xaneiro, e “Infiltracións II”, ata o 2 de marzo.
A oferta expositiva complétase cunha programación infantil e para todos os públicos coincidindo coas vacacións escolares e que abrangue un obradoiro e tres espectáculos para toda a familia. En canto ao obradoiro, entre o 21 de decembro e o7 de xaneiro o Museo converterase nunha fábrica de xoguetes onde cada nena e neno poderá fabricar o seu propio xoguete e levalo a casa. Trátase dunha actividade aberta e sen inscrición previa.
No que respecta ao espectáculos, o 27 de decembro ás 18:00 horas terá lugar “Cinema de historias da man de Alice Guy”, unha actividade que mestura narración con teatro e cinema para espertar nos nenos o amor polo cine. A programación continuará o xoves 2 de xaneiro ás 18.00 horas con “Molto Barroco”, unha montaxe que transita entre o teatro, a música barroca, a comedia e a participación do público, e o venres 3 á mesma hora con “Un nadal cheo de contos”, un espectáculo de monicreques e contacontos.
Por último, no Museo de Pontevedra hai tres actuacións musicais previstas. A primeira será a IV Gala lírica de Nadal do Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga, o 17 de decembro ás 19.00 horas. Ademais, o xoves 19 de decembro ás 19:00 horas terá lugar un concerto do pianista arxentino Juan Carlos Cambas e o xoves 10 de xaneiro o tradicional concerto de “Despedida del villancico”, na Igrexa de San Bartolomé, protagonizado polo Coro Luis García Limeses e a Coral Polifónica de Pontevedra, que organiza desde hai 70 anos o Museo e que tamén servirá para dar o tiro de saída á programación que durante o 2025 festexará o centenario da Polifónica.