Guía

Guía A familia, núcleo das primeiras aprendizaxes

A Deputación de Pontevedra e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) acaban de facer pública a guía A familia, núcleo das primeiras aprendizaxes, unha publicación en galego que pretende axudar a nais e pais na educación das e dos fillos en temas como a motivación, a disciplina, a lectura, as emocións e a xestión de conflitos, e a educación afectivo-sexual.

Trátase dun traballo que inicialmente ía consistir en obradoiros de traballo presencial coas familias, impartidos nos concellos de Bueu, Cambados e Vigo, mais a pandemia obrigou a que se reformulase. Así, finalmente concibiuse como unha serie de artigos realizados por persoas ensinantes, orientadoras e bibliotecarias, agrupados nunha guía impresa.

Repartiranse 5.000 exemplares entre os centros de ensino e as bibliotecas da provincia, ademais de estar dispoñibles en formato dixital nas webs da Deputación, da AS-PG e das federacións de ANPAS.

A deputada de Lingua, María Ortega, define esta publicación como esencial, moi pensada e reflexionada porque "as intervencións educativas que se fan na infancia son fundamentais para o desenvolvemento das persoas". Tamén pon en valor que se trata dunha ferramenta en galego, "xa que a lingua debe ser un valor que se transmita na escola e nas familias".

Última modificación: xoves, 17 decembro 2020