Guía de aves de la provincia de Pontevedra

Guía das aves da provincia de Pontevedra

A provincia de Pontevedra alberga unha gran variedade de espazos naturais valiosos e fascinantes, desde as augas do océano Atlántico, que baten con violencia nas agrestes costas peninsulares e insulares, ata rías, esteiros, chairas intermareais, enseadas, lagoas litorais ou sistemas dunares que dan paso a suaves praias.

Tamén as zonas interiores da provincia contan con paraxes de extraordinaria beleza e biodiversidade: serras altas, ríos, vales, praderías, turbeiras, bosques autóctonos, mosaicos de campiña etc., sen esquecernos das súas vilas e cidades, que conforman entre todos uns ecosistemas privilexiados para a observación máis diversa de aves.

Por todo isto a nosa provincia acolle a única Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife de Galicia, situada no concello do Grove, que ademais é a reserva ornitolóxica máis grande de España e a única que conta con medio mariño.

A Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO/BirdLife, www.seo.org) é a ONG científica e conservacionista máis antiga de España, dedicada ao estudo, a conservación e a divulgación das aves e a natureza. Con BirdLife Internacional está presente en 121 países, traballando por un mundo rico en biodiversidade no que o ser humano e a natureza convivan en harmonía.

Esta guía, editada pola Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO/BirdLife, ten o obxectivo de apostar polo turismo ornitolóxico non só para o gozo, senón para sensibilizar a poboación sobre a necesidade de conservar os seus tesouros naturais para o futuro, xa que coñecer e sentir a natureza e as súas aves nos sosega e nos fai felices.

Guía das aves do litoral da provincia de Pontevedra

 

Guía das aves do interior da provincia de Pontevedra

 

Última modificación: venres, 27 marzo 2020