Castelo de Soutomaior

A falta de documentación sobre a existencia do castelo e dos seus elementos arquitectónicos impide sabermos a súa datación cronolóxica. A fortaleza foise construíndo ó longo do tempo e perfeccionando a medida que xurdían novas necesidades.

A primeira etapa do castelo arranca da Idade Media, probablemente nos últimos cen anos desta época. Que pertencese á casa de Sotomayor fixo que desempeñase un papel importante en acontecementos transcendentais na historia de Galicia. Pedro Álvarez de Sotomayor, coñecido como Pedro Madruga, foi o personaxe máis salientable desta familia, e con el acadou a maior cota de poder e, en consecuencia, a renovación do castelo.

Do protagonismo exercido durante as contendas bélicas o castelo pasa á súa segunda etapa, na que cobra un carácter máis residencial e de administración do señorío. Durante a Idade Moderna seguirá sendo propiedade da familia orixinal pero pouco a pouco vai entrar en declive debido ás súas disputas internas. A finais do século XVIII Benito Fernando Correa, tras longos preitos, queda definitivamente co castelo, no que efectúa algúns cambios, coma a substitución do escudo de armas da porta principal polo seu propio.

Na terceira etapa o castelo de Soutomaior convértese en estancia de verán dos marqueses de la Vega de Armijo, que, tras as obras de restauración, transforman a fría fortaleza nunha acolledora casa residencial. Desta época son a capela e as árbores do parque que aínda hoxe se conservan. Os herdeiros dos marqueses manteñen o interese pola fortaleza e chegan a construír un sanatorio nas inmediacións, pero a principios do século XX perden o castelo por motivos políticos. Este sae a poxa en 1917, o que leva consigo a súa decadencia e abandono. Despois de varias vendas e o deterioro das súas instalacións, en 1982 adquíreo a Deputación de Pontevedra. Hoxe é afortunadamente un patrimonio público.

Os xardíns

Castillo de Soutomaior

O terreo do Castelo de Soutomaior comprende 25 hectáreas, que, ó longo da súa historia, se foron destinando a distintos usos. A orixe do parque e dos xardíns arranca de finais do século XIX, cando os seus propietarios, os marqueses de la Vega y Armijo, deciden transformar o castelo nunha casa de veraneo.

En 1982 a Deputación de Pontevedra adquire a propiedade e en cinco anos leva a cabo a rehabilitación das edificacións e do parque. Desde o momento no que se empeza a rehabilitación convértese nun xardín aberto ó público.

A institución provincial, desde hai tempo implicada no desenvolvemento e cultivo da camelia, quixo crear a súa propia colección, que se pode apreciar nos arredores do castelo, coas máis representativas e coñecidas especies e variedades que se foi formando en tres etapas. Na primeira fase cómprase o castelo, época na que o xardín tiña 19 exemplares de camelia xapónica, dos máis antigos de Galicia; a segunda empeza en 1986, data na que se incorporan novos exemplares, adquiridos en viveiros galegos e estranxeiros, Francia, Inglaterra, California e Nova Zelandia, ou procedentes de diversas doazóns por parte de particulares; na terceira engádense cultivos cun especial interese pola súa singularidade pero cun reducido aumento anual do número de camelias.

Os labores emprendidos durante estes tres períodos deron como resultado a colección da Deputación con 500 camelias, das cales 230 están no predio do castelo.

Préstaselles unha atención continuada ás plantas, concretamente unha vez por semana en épocas de especial interese e cada quince días o resto do ano, para que manteñan un perfecto estado fisiolóxico e sanitario.

En abril do 2012 os xardíns do Castelo de Soutomaior convértense no primeiro xardín de España e sétimo de Europa en ser recoñecido como Xardín de Excelencia Internacional pola Sociedade Internacional da Camelia.

Predio forestal

O predio forestal, cun solo pouco profundo e menos fértil có do resto do castelo, é a zona de maior extensión e a máis montuosa. Na parte máis alta atópase a pequena capela de San Caetano, que ten unha superficie arredor con arbustos ornamentais. Entre a capela e o parque hai unha extensión cunha pendente pronunciada, cun terreo pedregoso, arbustos e diversas árbores. Nesta zona forestal destaca tamén o souto de castiñeiros na parte superior con árbores duns 20 anos.

O bosque de carballos, piñeiros e eucaliptos está noutro lado do regueiro das Afreitas, cun terreo pendente e pobre. Co proceso que se está a levar a cabo para eliminar a vexetación que non é autóctona preténdese que os carballos recuperen o seu espazo.

As ripisilvas son os restos do bosque ripario situado entre as marxes do regato Porta Cadeira e do regueiro das Afreitas, con bidueiros, salgueiros e loureiros, entre outras especies.

 Horario

Verán (maio-setembro)

  • Xardíns: de 10.00 a 21.00 h
  • Castelo de Soutomaior (despacho de billetes)
    • De luns a venres, de 10.00 a 20.00 h
    • Sábados, domingos e festivos, de 10.00 a 14.30 h e de 16.30 a 20.00 h

Inverno (outubro-abril)

  • Xardíns: de 10.00 a 19.00 h. Luns pechado
  • Castelo de Soutomaior (despacho de billetes)
    • Luns, pechado
    • De martes a venres, de 10.00 a 19.00 h
    • Sábados, domingos e festivos, de 10.00 a 18.00 h

Pechado: 1 e 6 de xaneiro, 25 e 31 de decembro

Taxas

  • Entrada individual: 5 €

    Esta entrada inclúe a visita á fortaleza de Soutomaior  e a súa musealización, así como aos seus xardíns e á exposición temporal coetánea o día da visita.

    Entrada reducida: 2,5 €

  • Entrada familiar: 5 €

    Esta entrada inclúe a visita á fortaleza de Soutomaior  e a súa musealización, así como aos seus xardíns e á exposición temporal coetánea o día da visita.

    Ofrecémosche gratuitamente un cartafol didáctico cun xogo de pistas, un plano e un lapis (entregarase no despacho de billetes unicamente un cartafol por familia).

    Entrada reducida: 2,5 €

  • Visita guiada ao castelo: 6,50 €

    Esta entrada ofréceche a posibilidade de visitar o castelo de Soutomaior e a súa musealización da man dunha ou dun guía especializado.

    Entrada reducida: 3,25 €

  • Visita guiada ao castelo e xardíns: 7,50 €

    Esta entrada ofréceche a posibilidade de visitar o castelo de Soutomaior e a súa musealización, así como os xardíns, declarados de Excelencia Internacional en Camelia, da man dunha ou dun guía especializado.

    Entrada reducida: 3,75 €

Terán tarifa reducida (as reducións aplicaranse no despacho de billetes)

  • Persoas de 65 anos ou máis
  • Membros de familias numerosas, segundo o disposto no artigo 2 da Lei 40/2003, de 18 de novembro, de protección ás familias numerosas, e o Real decreto 1621/2005, de 30 de decembro , que desenvolve a citada lei
  • Titulares de Carné Xove
  • Grupos organizados formados por un mínimo de 10 persoas

Solicitudes

Localización

O castelo de Soutomaior localízase no centro xeográfico do concello do mesmo nome. Seguindo a estrada nacional de Pontevedra-Vigo, en Arcade un desvío conduce á fortaleza.

O val no que se atopa é fértil para produtos como millo, centeo, patacas, viños e froitas, o que nos leva a pensar que a situación do castelo tiña como obxectivo controlar a produción agrícola e gandeira máis que defenderse no caso de guerra. Rodeado de bosques, a súa posición estratéxica permitía vixiar as comunicacións de norte a sur da provincia.

Desde o alto domina polo norte o río Verdugo; polo sur un pequeno sistema montañoso; polo leste e noroeste os afluentes do Verdugo: Oitavén e Pequeno, e no oeste, ó fondo, ábrese a ría de Vigo coa enseada de San Simón, onde desemboca o río Verdugo.

Última modificación: venres, 26 abril 2019