Exposicións

"Mulleres en acción: violencia zero" é unha mostra na que se recollen os resultados dun proxecto de acción artística contemporánea levado a cabo o pasado 25 de novembro no espazo público. As nosas premisas foron reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención no estado actual da problemática da violencia machista no noso país, en particular, e, por extensión, no mundo. Foi unha proposta multisede de sensibilización para fomentar na cidadanía unha actitude crítica: promover a visibilidade das artistas novas galegas; provocar o achegamento á arte contemporánea a través do diálogo con todos os públicos, a experiencia e a creación colectiva; e incentivar a integración de mulleres e homes na loita contra unha realidade que nos afecta a todas e a todos.

Esta exposición recolle o sentir que a arte provocou o pasado 25 de novembro de 2015 (Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero) en 10 concellos da provincia de Pontevedra: Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Redondela, Lalín, Tui, Tomiño, Moaña e Caldas de Reis.

Carme Nogueira, Ana Gesto, Adriana Pazos e Iria Acevedo, Rosa Neutro, Ánxela Blanco, Mónica Mura, Neves Seara, Laura Piñeiro, Mery Pais e Paulova.

Elas foron as artistas. Foron o "corpo" da acción.

Todas as persoas que o vivimos en directo fomos a "alma". 

Calendario das exposicións

  • Pontevedra, do 3 ao 28 de febreiro, no Museo de Pontevedra
  • Tomiño, do 8 ao 31 de marzo, no mercado municipal
  • Lalín, do 7 ao 29 de abril, na casa do concello
  • Tui, do 9 ao 30 de maio, na Área Panorámica
  • Caldas de Reis, do 2 ao 21 de xuño, no auditorio municipal
  • Redondela, do 6 ao 31 de xullo, na Casa da Cultura
  • Vilagarcía de Arousa, do 4 ao 28 de agosto, na casa do concello
  • Cangas, do 1 ao 16 de setembro, na casa de cultura
  • Moaña, en outubro, no IES As Braxas
  • Vigo, en novembro, no antigo Concello
  

 

Última modificación: luns, 04 xullo 2016