Edificios e sedes

Edificio Castro Monteagudo

Edificio Castro Monteagudo

Despois de que a Deputación Provincial aprobara a moción fundacional do Museo de Pontevedra, o 30 de decembro de 1927, a primeira tarefa que deben afrontar os seus impulsores é a de buscar un edificio no que albergar os fondos. A elección non é doada pero si rápida, resulta elixido o pequeno pazo do século XVIII situado fronte á praza da Leña, no número 12 da entón chamada rúa de Gregorio Fernández, hoxe Pasantería.

O levantamento da primitiva sede do Museo está datado de 1760, tal como figura no documento gardado no interior dunha bolsiña de lenzo atopada no momento de realizar as obras de reforma para a Escola Unitaria de Nenos. O documento en cuestión está escrito en latín e nel faise constar que foi edificado desde os alicerces por José de Castro y Monteagudo, primeiro auditor na provincia marítima de Pontevedra.

Antes da súa adquisición tivo destinos moi diversos: no baixo, local comercial La Imperial, casa de comidas La Flor, obradoiro de carpintería Rarrá; no piso, a citada escola unitaria; en parte do xardín, dando á rúa Pasantería, un alpendre que antes da súa compra era un cortello de porcos.

Nas obras de restauración do inmoble inflúe positivamente Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, patrón fundador, que lle dirixe varias e extensas cartas con pormenorizados debuxos ó tamén fundador Francisco Javier Sánchez Cantón, xa en Madrid. Nelas dálle ideas sobre a execución das reformas e pídelle a súa intercesión ante o arquitecto Juan Argenti Navajas e o director Casto Sampedro y Folgar.

O primitivo pazo sería obxecto dunha nova remodelación na súa fachada norte tras a apertura do edificio García Flórez para Museo en 1943, coa conseguinte construción da ponte que comunicaría ambos os dous edificios sobre a rúa Flórez.

Última modificación: Thursday, 23 August 2018