El Camino de Santiago

O Camiño de Santiago: unha historia por descubrir

O comezo das peregrinacións a Compostela remóntase ó ano 820, data na que supostamente se achan os restos do Apóstolo Santiago, posteriormente resgardados nunha pequena igrexa que o rei Alfonso II o Casto manda construír.

Co paso dos séculos o Camiño das Estrelas, como tamén se coñece o Camiño de Santiago, consolídase. O papa Calixto II, tío de Alfonso VII de León, instituíu o Ano Santo Xacobeo, no que se consegue o perdón de todos os pecados, cando a festividade de Santiago (25 de xullo) coincide en domingo. Isto coñécese como "gañar o xubileu", obxectivo dos peregrinos que chegan á catedral compostelá.

A "Compostela" é un certificado en latín que xustifica a realización do Camiño. Esta distinción outórgaselles ós que percorren 100 quilómetros andando ou ben 200 en bicicleta ou dacabalo. Conséguese presentando unha credencial selada unha ou dúas veces ó día en diferentes lugares do Camiño. Nos arquivos de Pas de Calais consérvase un documento expedido o 1 de maio de 1321 ó francés Yves Lle Breton que certifica a peregrinación a Santiago.

Á capital de Galicia pódese peregrinar a través de diversas rutas. A máis coñecida é o Camiño Francés, que cruza desde a fronteira pirenaica as comunidades de Navarra, A Rioxa e Castela e León ata chegar a Galicia. Tamén existen outras rutas, das cales cinco discorren polas Rías Baixas: Vía da Prata, Camiño Portugués, Camiño Portugués pola costa, a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla e a Variante Espiritual do Camiño Portugués polo Salnés.

Última modificación: martes, 16 setembro 2014