O que Ves desde a túa Xanela

Concurso de debuxo infantil en liña O que Ves desde a túa Xanela

O confinamento na casa debido á pandemia sanitaria que estamos a padecer permítenos valorar e, ás veces, descubrir a paisaxe que vemos desde a nosa xanela: as rúas, as árbores, o mar e o campo da provincia de Pontevedra. Unha xanela que tamén se abre aos lugares da provincia aos que che gustaría regresar, a eses sitios onde compartiches tantas cousas coa túa familia e amizades.

O pasado ano puxemos en marcha o concurso Debuxa a túa Provincia, que tivo unha excelente acollida entre as nenas e nenos de ata 14 anos de idade. As súas obras amosáronnos lugares marabillosos e axudáronnos a coñecer a riqueza turística do noso contorno.

Nesta ocasión propoñémosche un novo reto: que debuxes o que ves desde a túa xanela -ou desde o teu balcón- ou que nos amoses eses lugares fermosos que coñeces da provincia de Pontevedra aos que che gustaría volver.

Se resides na provincia de Pontevedra e tes entre 3 e 14 anos e che gusta debuxar, convidámoste a participar no Concurso de debuxo infantil en liña O que Ves desde a túa Xanela

PERSOAS GAÑADORAS

CATEGORÍA 1 (ata 6 anos)

  • A nosa Ría o meu fogar

    Elixido o debuxo co lema  "A nosa ría, o meu fogar", do autor Carlos Castro García. Destaca pola súa creatividade, expresividade e colorido. É un debuxo moi ben executado tendo en conta a idade do participante, no que incorpora diversos elementos característicos  das Rías Baixas.

CATEGORÍA 2 (de 7 a 11 anos)

  • Martina Contreras Lorenzo

    A gañadora desta categoría é Martina Contreras Lorenzo, elixida polo nivel de detalle do debuxo empregando diversas técnicas (acuarelas  o outras), polo realismo da perspectiva e o nivel de detalle.

CATEGORÍA 3 (de 12 a 14 anos)

Debido á calidade dos debuxos presentados fíxose moi difícil a elección das persoas gañadoras, polo que desta categoría o tribunal considerou máis xusto seleccionar dous:

  • Manuel Lemos Peixoto

    Manuel Lemos Peixoto, por reproducir con realismo o que se ve desde a ventá e o nivel de detalle, con gran calidade de trazo e proporcionalidade da perspectiva.

  • Adriana Eugenia Rivas

    Adriana Eugenia Rivas pola súa calidade artística amosando destreza na técnica da acuarela, a beleza dos trazos e o seu realismo.

Lámina descargable

BASES DO CONCURSO

Serán válidos todos os traballos que cumpran os seguintes requisitos:

  1. Estar elaborados por nenas e nenos que residan na provincia de Pontevedra de ata 14 anos de idade (incluídos)
  2. Cumprir coa temática establecida: o que ves desde a túa xanela ou o lugar da provincia onde che gustaría volver e o que representa para ti
  3. Os debuxos deberán ser feitos á man. As e os participantes teñen liberdade para utilizar a técnica que desexen (de forma separada ou mesturada): lapis, ceras, témperas, acuarelas etc. O formato ten que ser un folio tamaño DIN-A4 en posición vertical ou horizontal
  4. Para participar é necesario enviar fotografía nítida do debuxo ou da imaxe escaneada deste en formato PDF, JPG ou PNG a través do formulario do concurso de debuxo Infantil O que Ves desde a túa Xanela, dispoñible na web da Deputación de Pontevedra www.depo.gal/o-que-ves-desde-a-tua-xanela, xunto cos datos persoais da nai, pai ou titora ou titor legal, da nena ou neno, idade, localidade onde reside, teléfono e correo electrónico. As obras deberán ter tamén un lema ou unha frase co que a autora ou autor titulará o seu traballo. Tamén se pode imprimir a lámina do concurso  e facérnola chegar por este mesmo sistema. Entenderase que a ou o menor conta coa autorización da súa nai, pai ou representante legal.
  5. Só se admitirá un traballo por nena ou neno
  6. O prazo límite de presentación do debuxo será o 31 de maio
  7. Os traballos presentados fóra de prazo non serán admitidos
  8. A participación no concurso implica a aceptación das bases

XURADO

Estará integrado por profesionais da Deputación, que valorarán tanto a orixinalidade do debuxo coma a súa calidade, tendo presente a idade da autora ou autor. O xurado decidirá a obra gañadora o 1 de xuño e comunicaráselles ás persoas premiadas o mesmo día, a través dunha chamada telefónica e/ou da publicación na páxina web da Deputación de Pontevedra.

Os debuxos gañadores expoñeranse nunha galería na páxina web da Deputación de Pontevedra (www.depo.gal) xunto a outros traballos seleccionados.

PREMIOS

Establécense tres categorías:

  • Ata os 6 anos (categoría 1): Visita guiada polo castelo de Soutomaior e participación no xogo "Detectives no castelo"
  • De 7 a 11 anos (categoría 2): Visita guiada polo castelo de Soutomaior
  • De 12 a 14 anos (categoría 3): Experiencia familiar na Ruta do Viño Rías Baixas

A autora ou autor do mellor debuxo en cada unha das categorías premiarase cun paquete dunha experiencia turística para a persoa premiada e o seu núcleo familiar.

CESIÓN DE DEREITOS

As obras entregadas non serán restituídas e a candidata ou candidato afirma que a súa obra é un traballo orixinal e individual. A participación no concurso implica a cesión á Deputación de Pontevedra dos dereitos de reprodución, distribución e comunicación pública sobre as obras presentadas e indicarán en todo caso a autoría da obra.

PROTECCIÓN DE DATOS

Os datos persoais obtidos neste concurso serán obxecto de tratamento pola Deputación de Pontevedra, en calidade de órgano responsable, coa finalidade de xestionar as solicitudes de participación e levar a cabo todas as actuacións administrativas que, no seu caso, deriven.

A lexitimación para o tratamento baséase no consentimento implícito das persoas interesadas.

Os datos persoais relativos ás persoas participantes e gañadoras poderán ser obxecto de publicidade na páxina web da Deputación de Pontevedra.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar ou suprimir os seus datos, exercitar outros dereitos ou revogar o consentimento segundo o previsto en https://depo.gal/proteccion-dedatos/exercicio-de-dereitos.

Última modificación: venres, 05 xuño 2020

Formulario de participación no concurso

 
Este campo é obrigatorio.
Este campo é obrigatorio.
Este campo é obrigatorio.
Este campo é obrigatorio.
Este campo é obrigatorio.
Este campo é obrigatorio.
Este campo é obrigatorio.
Examinar
Este campo é obrigatorio.

Os campos marcados con * son obrigatorios