O teu primeiro emprego

Plan de fomento da empregabilidade na provincia de Pontevedra "O teu primeiro emprego"

Este plan ten por finalidade facilitarlles ás persoas tituladas universitarias e de ciclos superiores de formación profesional o acceso, dentro da provincia, a un primeiro emprego adecuado ao nivel de estudos cursados para adquirir experiencia profesional e facilitarlles a súa futura inserción no mercado laboral.

A experiencia laboral adquirirase mediante a formalización de contratos laborais en prácticas, polo que para o seu desenvolvemento a Deputación contará coa colaboración dos concellos de menos de 50.000 habitantes, das empresas, das corporacións sectoriais e das organizacións non gobernamentais da provincia de Pontevedra, que, xunto coa Deputación, no programa propio, son as que realizarán a contratación das persoas tituladas que resulten seleccionadas.

As persoas ás que vai destinado este plan cumprirán as seguintes condicións establecidas legalmente para ser beneficiarias dun contrato en prácticas:

  1. Estar en posesión de título universitario ou de formación profesional de grao superior ou títulos oficialmente recoñecidos como equivalentes, de acordo coas leis reguladoras do sistema educativo vixente, que habiliten para o exercicio profesional
  2. Non transcorrer máis de cinco anos, ou máis de sete cando o contrato se realice cunha persoa con discapacidade, desde a terminación dos estudos
  3. Non estar e non ter estado contratadas en prácticas pola mesma ou distinta persoa física ou xurídica por tempo superior a un ano
  4. Non ter experiencia laboral previa na titulación, grupos 1 ou 2 para universitarios e grupos 3 ou 5 para os ciclos superiores

A selección das entidades colaboradoras e a designación das titulacións dos postos de traballo que se van desempeñar efectuaranse de acordo coas bases reguladoras que se aproben pola Deputación para cada un dos programas independentes (aínda que algún se poderá tramitar de forma conxunta) nos que está estruturado o dito plan:

  1. O teu primeiro emprego na Deputación Provincial de Pontevedra
  2. O teu primeiro emprego nos concellos
  3. O teu primeiro emprego nas empresas e corporacións sectoriais
  4. O teu primeiro emprego nas organizacións sen ánimo de lucro da provincia de Pontevedra

Cada un dos programas que integran este plan desenvolverase nas seguintes fases:

  1. Primeira fase: determinación, de ser necesaria, das entidades colaboradoras e das titulacións requiridas para a formalización dos contratos en prácticas coa Deputación provincial, cos concellos, coas empresas e corporacións sectoriais e coas organizacións non gobernamentais segundo as bases desenvolvidas para cada programa
  2. Segunda fase: selección das persoas beneficiarias destas contratacións

Última modificación: luns, 15 abril 2019