O teu primeiro emprego

"O teu primeiro emprego" nos concellos

O prazo de presentación de solicitudes é do 16 ao 30 de maio de 2019.

As solicitudes presentaranse preferentemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal).

Mediante este programa seleccionaranse os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia de Pontevedra como entidades colaboradoras e determinaranse as titulacións universitarias e de ciclos superiores de formación profesional dos 162 postos de traballo que se van desempeñar baixo a modalidade de contrato en prácticas, os criterios de selección das persoas que se van contratar e regularase a relación entre a Deputación e as entidades colaboradoras.

As contratacións laborais en prácticas que se deriven realizaranse entre as entidades colaboradoras e as e os titulados universitarios e de formación profesional de ciclos superiores sen experiencia laboral previa, co fin de que poidan adquirir a práctica profesional adecuada ao nivel de estudos cursados e facilitar a súa inserción no mercado laboral.

As 162 contratacións en prácticas distribuiranse entre os concellos como entidades colaboradoras de acordo co seguinte cadro:

Núm. de habitantes Núm. de contratos Núm. de concellos TOTAL
Ata 10.000 2 37 74
De 10.001 a 50.000 4 22 88
TOTAL 162

A través desta subvención financiarase unha parte do custo laboral total dun contrato en prácticas por un primeiro período de seis meses e outros seis meses máis, en caso de prórroga do contrato e condicionado á existencia de crédito suficiente no Orzamento provincial correspondente.

Os contratos en prácticas poderán concertarse con aquelas persoas que reúnan os seguintes requisitos:

  • Que estean en posesión dun título universitario ou de formación profesional de grao ou superior ou títulos oficialmente recoñecidos como equivalentes, de acordo coas leis reguladoras do sistema educativo vixente, que habiliten para o exercicio profesional.
  • Que non transcorresen máis de cinco anos, ou de sete cando o contrato se celebre cunha persoa con discapacidade, desde a finalización dos estudos.
  • Que non estivesen contratadas ou contratados en prácticas pola mesma ou distinta persoa física ou xurídica por un tempo superior a un ano (o que deberá comprobar a entidade colaboradora a través da vida laboral das persoas candidatas, os grupos de cotización asignados son o 1 ou 2 para universitarios e o 3 para os ciclos superiores).

A entidade colaboradora correrá co gasto que deba suplementar ata conseguir o custo laboral total que corresponda á súa categoría polo convenio colectivo aplicable, incluída a cota empresarial á Seguridade Social e os incentivos, produtividades e/ou outros conceptos salariais derivados da relación contractual coa entidade.

A contía máxima da subvención que se lle concederá a cada persoa contratada en prácticas segundo a categoría e titulación requirida será a seguinte:

Titulación Importe máximo da subvención Total máximo da subvención
Licenciatura, grao ou diplomatura 1.000 €/mes 12.000 €
Ciclo superior de Formación Profesional 950 €/mes 11.400 €

Os concellos, como entidades colaboradoras, serán os encargados de levar a cabo a selección mediante a presentación da correspondente oferta na oficina do Servizo Público de Emprego do domicilio da entidade.

A selección efectuarase entre as persoas demandantes de emprego desempregadas ou con tarxeta de mellora de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego que cumpran os requisitos esixidos para a formalización dun contrato en prácticas. O ámbito de procura de emprego de cada concello non poderá superar o nivel provincial.

Na selección das persoas beneficiarias dos contratos en prácticas aplicaranse criterios de valoración obxectivos, recollidos como anexo V das bases, e fixaranse tendo en conta o expediente académico, os estudos cursados e a formación relacionada co posto de traballo que se desempeñará.

Última modificación: mércores, 22 maio 2019