O teu primeiro emprego

"O teu primeiro emprego" nos concellos 2020

O prazo de presentación de solicitudes é do 22 de xuño ata o 6 de xullo de 2020.

O prazo de presentación de solicitudes é do 22 de xuño ata o 6 de xullo de 2020.

Mediante este programa seleccionaranse os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia de Pontevedra como entidades colaboradoras; determinaranse as titulacións universitarias e de ciclos superiores de formación profesional dos 160 postos de traballo que se van desempeñar baixo a modalidade de contrato en prácticas e os criterios de selección das persoas que se van contratar; e regularase a relación entre a Deputación e as entidades colaboradoras.

As contratacións laborais en prácticas que deriven realizaranse entre as entidades colaboradoras e as e os titulados universitarios e de formación profesional de ciclos superiores, co fin de que poidan adquirir a práctica profesional adecuada ao nivel de estudos cursados e facilitar a súa inserción no mercado laboral.

As 160 contratacións en prácticas distribuiranse entre os concellos como entidades colaboradoras de acordo co seguinte cadro:

Núm. de habitantes Núm. de contratos Núm. de concellos TOTAL
Ata 10.000 2 38 76
De 10.001 a 50.000 4 21 84
TOTAL 160

A través desta subvención financiarase unha parte do custo laboral total dun contrato en prácticas por un primeiro período de seis meses; o período subvencionable poderá ampliarse seis meses máis, condicionado á existencia de crédito suficiente no Orzamento provincial correspondente.

A entidade colaboradora correrá co gasto que deba suplementar ata acadar o custo laboral total que lle corresponda á súa categoría segundo o convenio colectivo aplicable, incluída a cota empresarial á Seguridade Social e os incentivos, produtividades ou outros conceptos salariais derivados da relación contractual coa entidade.

Os contratos en prácticas poderán concertarse con aquelas persoas que reúnan os seguintes requisitos:

  • Que estean en posesión dunha titulación universitaria ou de formación profesional de grao superior ou títulos oficialmente recoñecidos como equivalentes, de acordo coas leis reguladoras do sistema educativo vixente, que habiliten para o exercicio profesional.
  • Que no momento da contratación non transcorresen máis de cinco anos, ou máis de sete cando o contrato se realice cunha persoa con discapacidade, desde a terminación dos correspondentes estudos.
  • Que non teñan experiencia laboral previa na titulación obxecto do contrato (nos grupos de cotización 1 ou 2 para titulacións universitarias e nos grupos 3 ou 5 para ciclos superiores) ou non estivesen dadas de alta como persoas autónomas en actividades relacionadas coa titulación durante un tempo superior a 6 meses ou 182 días.
  • Que non estivesen contratadas en prácticas durante un tempo superior a 6 meses nin estean contratadas en prácticas no momento da selección, que se inicia coa presentación da correspondente oferta no Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) nalgún dos programas de O teu primeiro emprego.

As contías máximas das subvencións que se concederán por cada contratación en prácticas segundo a titulación requirida serán as seguintes:

Titulación Importe máximo da subvención Total máximo da subvención

Licenciatura, grao ou diplomatura

1.000,00 €/mes 12.000 €
Ciclo superior de formación profesional 950,00 €/mes 11.400 €

 

Os concellos, como entidades colaboradoras, serán os encargados de levar a cabo a selección mediante a presentación da correspondente oferta na oficina do SEPE do domicilio da entidade beneficiaria.

A selección efectuarase entre persoas demandantes de emprego desempregadas ou coa tarxeta de mellora de emprego inscritas no SEPE.

O ámbito de busca de emprego de cada concello non poderá superar o nivel provincial.

Na selección das persoas beneficiarias dos contratos en prácticas aplicaranse criterios de valoración obxectivos, recollidos no anexo V das bases, e fixaranse segundo o expediente académico, os estudos cursados e a formación relacionada co posto de traballo que se vai ocupar.

Última modificación: xoves, 25 xuño 2020