Emprego

Orientación e procura de emprego

DESCUBRE O TEU TALENTO!

O papel da orientación na procura de emprego

A orientación laboral é un proceso para establecer obxectivos, fomentar determinadas actitudes, desenvolver estratexias e optimizar tempos e recursos para mellorar a empregabilidade e inserción laboral das persoas en procura activa de emprego.

Os elementos clave

No marco da Estratexia Europea para o Emprego e no ámbito da colaboración institucional, a Deputación de Pontevedra, a través da Área de Orientación e Procura de Emprego do Servizo de Promoción de Emprego e Desenvolvemento Local, ofrece asesoramento individual e personalizado, así como accións grupais para facilitar o acceso ao mercado laboral. O asesoramento lévase a cabo mediante entrevistas persoais de apoio e un seguimento con persoal técnico de orientación laboral vinculado aos diferentes proxectos.

Definición do obxectivo profesional

Podemos definir o obxectivo profesional como o posto que unha persoa desexa desempeñar segundo as súas potencialidades.

Na identificación do noso obxectivo profesional debemos atender estas dúas dimensións: autocoñecemento (coñecemento do propio perfil persoal e profesional) e mercado de traballo (coñecemento das necesidades, tendencias e transformacións do contorno laboral).

REVISA O TEU OBXECTIVO PROFESIONAL CANDO:

  • Finalices unha etapa educativa ou de formación que te acredite profesionalmente
  • Busques un cambio de ocupación ou desexes promocionarte
  • Quedes en situación de desemprego

Autocoñecemento e autoestima

A procura de emprego debe comezar cunha análise das túas fortalezas e debilidades, ademais da exploración das oportunidades reais do ámbito laboral, que che axudarán a identificar:

  • Que traballos podes facer, descubrindo os coñecementos e habilidades que posúes e que podes adquirir a través dos estudos, da experiencia laboral ou de experiencias non formais
  • Que profesión che gusta, investigando sobre as ocupacións e postos de traballo que máis che atraen e que mellor se adaptan ás túas características
  • Que competencias profesionais deberías mellorar para facilitar a empregabilidade e incrementar a eficiencia na procura de emprego

Para axudarche a identificar as ocupacións máis afíns aos teus intereses profesionais podes realizar cuestionarios de orientación vocacional.

Coñecementos e habilidades

É conveniente ir descubrindo os coñecementos e habilidades que posúes e que podes adquirir a través dos estudos, da experiencia laboral ou de experiencias non formais. Iso permitirache explorar as ocupacións que che gustaría desempeñar e, a partir de aí, tomar decisións de modo moito máis fácil cando:

  • Teñas que elixir formación específica ou un itinerario formativo
  • Teñas que elixir un emprego ou traballo que desexarías realizar
  • Necesites un cambio profesional e reciclarte porque quedaches sen emprego ou desexas promocionar profesionalmente

Ademais, recomendámosche explorar as diferentes ocupacións, identificar novas saídas profesionais e coñecer as novas oportunidades que ofrece o mercado laboral a través de informes ocupacionais nas webs de entidades públicas ou privadas, coma os informes de Adecco, ou de aplicacións web coma a do Instituto Galego das Cualificacións.

Ocupacións e postos de traballo

A través desta aplicación podes obter información diversa sobre as profesións e a súa relación co mundo laboral e formativo. Por iso está dirixida tanto a persoas novas que comezan a buscar traballo como a persoas desempregadas ou que queren reorientar o seu futuro profesional.

En xeral podes acceder a recursos que che acheguen información sobre as distintas ocupacións e postos de traballo e pescudar sobre cada un deles:

  • En que consiste o traballo: actividades, funcións e responsabilidades
  • Que titulación e experiencia laboral se precisa para realizar o traballo
  • Que competencias profesionais e habilidades se requiren
  • Que ofrece: condicións laborais xerais, nivel salarial, oportunidades de desenvolvemento profesional, formación continua etc.
  • Saídas profesionais: cantas vacantes deste posto hai no mercado laboral e que nivel de competencia cabe esperar; é dicir, cantos candidatos hai para un mesmo posto de traballo
  • Onde buscar traballo nesta profesión

No Observatorio das Ocupacións do SEPE, que é unha unidade técnica que analiza a situación e as tendencias do mercado de traballo, as ocupacións, os colectivos de interese para o emprego e as transformacións que se producen nel, podes consultar os perfís da oferta de emprego, informes sobre o mercado de traballo etc.

Ademais, as persoas que estades a buscar emprego ou a mellora deste podedes descubrir qué competencias profesionais deberiades mellorar para facilitar a empregabilidade e incrementar a eficiencia na vosa procura, e tamén qué traballos podedes realizar a través da análise de coñecementos e habilidades que xa posuídes e que se poden adquirir a través dos estudos, da experiencia laboral ou de experiencias non formais.

Competencias profesionais

As competencias profesionais pódense definir como o conxunto de recursos persoais que entran en xogo na execución dunha determinada actividade laboral.

O coñecemento específico, teórico e práctico da profesión é importantísimo e pódese adquirir polas diferentes vías de formación e experiencia. Realízanse diversas convocatorias de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas.

Segundo a OCDE, a máis competencias, máis emprego e benestar, pero non sempre é así. Hai xefes que prefiren persoas que nese momento saiban menos, pero que teñan unhas competencias profesionais que axuden a progresar máis no traballo e que, ademais, poidan motivar o resto do equipo.

Estamos a falar de habilidades, coñecementos, destrezas e comportamentos coma a innovación, o liderado, a orientación ao logro, a planificación, a procura de recursos, a autoconfianza, o autocontrol, a empatía, a orientación ao cliente, a creatividade, a capacidade analítica etc.

Certificados de profesionalidad

Competencias profesionais=saber (coñecementos)+saber facer (habilidades)+poder facer (aptitudes)+querer facer (actitudes)

Os certificados de profesionalidade, regulados polo Real decreto 34/2008, de 18 de xaneiro, son o instrumento de acreditación oficial das cualificacións profesionais do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais no ámbito da administración laboral.

Información de consulta

INFÓRMATE SOBRE O MERCADO LABORAL E A FORMACIÓN PARA O EMPREGO!

Os informes sobre o comportamento do mercado laboral pretenden mellorar as túas posibilidades de inserción a través do acceso a un posto de traballo ou a través do autoemprego.

Entre outra información, nesta área podes consultar diferentes fontes e publicacións sobre formación para o emprego, certificados de profesionalidade, o  Observatorio das Ocupacións do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) e o Observatorio do Emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG), a través de ligazóns externas coma:

  • O mercado laboral, que recolle as medidas destinadas ao fomento do emprego, tanto a nivel nacional coma europeo (Red EURES)
  • A FP, relevante nos teus procesos de orientación e procura de emprego

Mercado laboral

Cando comecemos coa procura de emprego, preguntarémonos:

  • Que ocorre no noso contorno sobre as tendencias a nivel laboral
  • Que aspectos socioeconómicos inflúen nas organizacións
  • Que sectores demandan máis emprego e cales son emerxentes na actualidade
  • Que aspectos persoais e de formación son os máis valorados polas empresas actualmente

Con frecuencia, os servizos que necesitan cubrir as empresas non se axustan ás capacidades profesionais que achegan as e os demandantes de emprego debido ao incremento da poboación activa, aos avances tecnolóxicos, á internacionalización dos mercados e ao aumento da competitividade nas empresas.

Todo isto provoca unha necesidade de transformación e de adaptación constante do mercado laboral.

Ligazóns que che poden interesar:

Formación para o emprego

formación profesional en España está integrada por dous subsistemas:

  • Subsistema de formación profesional inicial ou regrada, que depende do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e das comunidades autónomas e comprende o conxunto de accións formativas que capacitan para o desempeño cualificado das diversas profesións, o acceso ao emprego e a participación activa na vida social, cultural e económica. Inclúe os ensinos propios da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral das traballadoras e traballadores, así como as orientadas á formación continua nas empresas, que permitan a adquisición e actualización permanente das competencias profesionais conforme á Lei orgánica 5/2002, de 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional.
  • Subsistema de formación profesional para o emprego, vinculado ao Ministerio de Emprego e Seguridade Social e ás comunidades autónomas, que ten a misión de formar e capacitar as persoas para o traballo e actualizar as súas competencias e coñecementos ao longo da súa vida profesional. Encádrase en todo o correspondente ás accións de inserción e reinserción laboral, así como na formación continua das e dos traballadores. Actualmente, o marco normativo é a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral.

Se desexas completar a túa formación, reciclarte ou actualizarte, é importante que busques ben a formación máis acaída para ti, atendendo aos perfís de tendencia das ofertas de emprego, e que coñezas ao detalle todos os criterios que che axudarán a escoller os cursos, a modalidade de formación e o tipo de centro de formación para mellorar a túa empregabilidade e alcanzar o teu obxectivo de inserción.

O SEPE publica anualmente perfís profesionais a consultar, cun potente motor de busca por ocupación onde se desenvolven os distintos aspectos que conforman os postos de traballo ofertados: as condicións laborais propostas por parte do empregador ou empregadora, a localización xeográfica, a información acerca do posto ofertado, a formación, a experiencia, así como as competencias e habilidades da candidata ou candidato.

Así mesmo, na sección de Formación e Cualificacións da Consellería de Economía, Emprego e Industria podes consultar todo o relativo aos tipos de ofertas de formación, competencias clave, certificados de profesionalidade ou especialidades, e no portal de emprego do SPEG, en Oferta Formativa, están dispoñibles os cursos para persoas desempregadas, que poderás solicitar despois de rexistrarte como demandante de emprego. Tamén nas oficinas de emprego se poden solicitar os programas mixtos de formación e emprego: obradoiros, programas integrados de emprego, programas experimentais ou outros, segundo as necesidades e adecuación ao mercado laboral.

Quizais che interese saber tamén que a formación profesional dual no sistema de formación para o emprego materialízase a través do Contrato para a Formación e a Aprendizaxe. A formación profesional dual é o conxunto de accións e iniciativas formativas mixtas de emprego e formación, que teñen por obxecto a cualificación profesional das e dos traballadores nun réxime de alternancia de actividade laboral nunha empresa coa actividade formativa recibida no marco do sistema de formación profesional para o emprego ou do sistema educativo.

Certificados de profesionalidade

Os certificados de profesionalidade, expedidos polo SEPE e os órganos competentes das comunidades autónomas, teñen carácter oficial e validez unicamente profesional en todo o territorio nacional.

Ligazóns que che poden interesar:

Observatorio das ocupacións

Tanto o Observatorio do Emprego do SPEG coma o  Observatorio das Ocupacións do SEPE son instrumentos técnicos que analizan a situación e as tendencias do mercado de traballo, as ocupacións, os colectivos de interese para o emprego e as transformacións que se producen nel, proporcionando informacións clave para o deseño das políticas de formación profesional e anticipándose aos retos e requirimentos que o mercado de traballo expón, para facilitar así a toma de decisións.

Tamén existe unha rede de observatorios das comunidades autónomas.

O SEPE realiza as seguintes publicacións que se poden consultar na súa web:

  • Perfís da oferta de emprego
  • Informes sobre o mercado de traballo
  • Informes e estudos sobre tendencias do mercado de traballo
  • Estudos sobre mobilidade das e dos traballadores
  • Estudos prospectivos sectoriais
  • Revista semestral  Cadernos do Mercado de Traballo (CMT)

Recursos para a busca de emprego

MIRA ONDE E COMO BUSCAR EMPREGO!

Quizais te rexistraches como demandante nos servizos públicos de emprego e te deches de alta en moitos portais, o que che xerou a sensación de empregar demasiado esforzo para nada, coa posible aparición de frustración e desasosego pola demora no tempo de consecución dun posto de traballo.

ACOMPAÑÁMOSTE NA TÚA B. E. (BUSCA DE EMPREGO) 

Para comezar aconsellámosche planificar a túa busca mediante unha axenda de emprego na que establezas un horario para dedicar ás diferentes canles e técnicas que che resulten máis produtivas para atopar traballo, xa que aumentará a túa autoestima ao ir alcanzando obxectivos e aforrarás enerxía ao ter toda a información organizada.

INTERÉSACHE …

Consultar os nosos propios recursos, coma o PDF con 15 puntos para o teu plan, ou ligazóns externas do SEPEa planificación da procura de emprego e vídeo de recursos de B. E.

Entrevista de traballo e probas de selección. TEN EN CONTA QUE:

  • A entrevista é un dos pasos máis decisivos nos procesos de selección
  • Os primeiros momentos de contacto coas persoas entrevistadoras son claves na idea que poden facerse de ti
  • Aínda que a primeira entrevista á que asistas non che saia como esperabas, é moi importante participar nos procesos de selección. Seguro que cada vez che sairán mellor
  • A entrevista pode ter lugar cunha ou varias persoas entrevistadoras que observarán se a ou o candidato encaixa co posto ofertado a través de:
    • As súas explicacións
    • As súas habilidades
    • As súas actitudes          
    • As súas competencias
    • Seu carácter              
    • A súa motivación
  • Polo que, antes e durante a entrevista, deberás:
    • Pescudar información sobre a empresa e o posto
    • Demostrar que es a persoa máis adecuada para desempeñar ese posto
    • Definir claramente os teus propios obxectivos
    • Repasar todos os teus datos persoais e profesionais, xa que as ou os entrevistadores indagarán neles
    • Ser capaz de describir ao detalle o último emprego que garde relación co posto ao que optas: ter moi claro o que queres, o que se pode dicir e no que queres incidir
    • Cumprir as normas básicas no que se refire a puntualidade, trato e comportamento, ademais de escoller unha indumentaria acorde coa entidade ou o posto pretendido

RECOMENDÁMOSCHE AS SEGUINTES LIGAZÓNS

Podes prepararte para as entrevistas cos videotutoriais da web Todo FP Adéstrate para unha entrevista de traballo

Nalgúns casos fálase de entrevistas grupais para referirse a técnicas grupais de selección. Para máis información, consulta o vídeo sobre os tipos de  probas de selección.

Última modificación: martes, 22 xuño 2021