Edificios e sedes

Pazo da Carballeira de Gandarón

Palacete de Salcedo  

O pazo da Carballeira de Gandarón adquiriuse en 1928 para establecer a Misión Biolóxica, á cal a Deputación lle cedeu as instalacións ata mediados deste século.

Está situado na parroquia de Salcedo, seguindo a estrada N-550 Pontevedra-Vigo á man dereita, a uns sete quilómetros da capital das Rías Baixas.

Construído no século XVIII, o seu promotor foi o arcebispo Sebastián Malvar Pinto Castro y Justo. Caracterízase por ter un estilo barroco e chaman a atención os dous balcóns con varandas de ferro moi ornamentadas. Os elementos decorativos son reflexo da época: molduras, placas recortadas, etc. Na parte traseira atópase a capela con tres arcos, que forman un soportal polo que se accede ó interior. O edificio conta con tres plantas unidas por unha escaleira de pedra ata o primeiro tramo e de madeira no resto. Sobresaen no interior do pazo dúas chemineas de tipo francés, de mármore branco, unha tallada e a outra lisa, situadas no salón e comedor respectivamente.

No exterior é de grande interese o hórreo, todo de pedra, unha das mellores mostras da cantería pontevedresa. Tamén destaca o pombal, aínda que de menor valor có hórreo, por estar na parte superior dunha construción de planta cadrada.

No escudo do edificio da capela pódense contemplar as armas de Malvar, Pinto, Castro y Justo, apelidos do seu impulsor.

Última modificación: mércores, 08 agosto 2018