Edificios e sedes

Pazo de Lourizán

Pazo de Lourizán  

O pazo de Lourizán atópase na vertente norte do macizo do Morrazo, ó fondo da ría, entre as poboacións de Pontevedra e Marín. As orixes da propiedade remóntanse ó século XV, cando aínda era unha granxa. No século XIX o terreo foi adquirido polo político Montero Ríos, que o converteu na súa residencia de verán e tamén nun importante foro de reunión das personalidades máis influentes do momento. Nos seus salóns negociouse o Tratado de París, polo cal se cederon as illas de Cuba, Puerto Rico, Filipinas e Guam.

A edificación, de estilo modernista, construída a principios do século XIX, foi deseñada polo famoso arquitecto Genaro de la Fuente. Destacan a escaleira de pedra de corte imperial e as súas profusas columnas, as grandes ventás, as estatuas de inspiración clásica e os ornamentos. No xardín, de estilo romántico, podemos atopar diversas fontes históricas: a fonte da cuncha (s. XVIII), a fonte dos tornos (s. XVII) e a fonte ou gruta dos espellos (s. XIX), adornada con vidros de cores.

A Deputación de Pontevedra adquiriu a propiedade a principios dos anos 40 e converteuna no Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Última modificación: mércores, 22 abril 2015