Edificios e sedes

Pazo provincial

Pazo provincial

A sede principal da Deputación sitúase na avenida de Montero Ríos, rodeada de zonas axardinadas, moi próxima á casa do concello e a carón do instituto Valle-Inclán.

Ata 1890 as oficinas da Deputación de Pontevedra atopábanse no que hoxe é a delegación do Ministerio de Facenda e anteriormente convento de San Francisco. A necesidade de ter un edificio propio orixina as negociacións co Concello de Pontevedra para adquirir os terreos. En 1883 apróbase o proxecto de Alejandro e Domingo Sesmero, os arquitectos elixidos para o novo edificio fronte á Alameda; un ano despois comeza a súa construción e en 1890 está practicamente rematado. As instalacións eléctrica e telefónica faranse con posterioridade, así coma o peche do xardín e o ensanche da avenida.

O edificio, de dúas plantas e soto, ten unha estrutura interior a base de cadrados e rectángulos que rodean a parte central. Na planta baixa hai unha superficie dedicada a vestíbulo, cun gran distribuidor no centro e unha ampla escalinata que se abre en dous brazos para acceder á parte superior, dando lugar a dous espazos cadrados a ambos os dous lados. No centro superior da escaleira atópase un amplísimo relanzo que serve de paso ás dúas alas laterais e de acceso a un vestíbulo previo ó Salón Nobre, que ocupa o centro do inmoble.

A fachada é a combinación de varios estilos, cunha entrada tipo Arco do Triunfo, con tres portas con arcos de medio punto, realizadas coa colocación de medias columnas de estilo xónico, con fustes estriados e base clásica. Na parte superior atópase un balcón corrido que, en forma de cornixa, percorre o edificio; perpendiculares ás catro columnas inferiores hai outras catro que dan marco ás tres portas do Salón Nobre que saen á balconada. Tres claraboias, sobre as súas tres portas, cubrirán o espazo entre elas e o arranque do frontón que coroa a fachada, no centro da cal figura o escudo provincial.

Para non reunir todos os elementos na parte central a fachada secciónase en cinco corpos: o central, dous medianos e dous laterais. Tratando de gañar o equilibrio de volumes, o corpo central e os dous laterais sobresaen sobre os medianos. Os laterais rematan con corpos circulares e nos seus ventanais superiores colócanse pilastras estriadas de orde xónica, co cal se logra equilibrar o conxunto da fachada.

Todo o edificio remata nunha cornixa moldurada algo saínte e con decoración de canlóns. A base do edificio levántase a unha boa altura que permite unha ampla escaleira corrida en todo o corpo central.

A fachada posterior, aínda que de menor categoría, está moi coidada e no seu conxunto presenta unha maior horizontalidade pola lixeira caída do edificio cara a atrás; tamén se realizou a mesma conxunción en cinco corpos, entre os que sobresaen o central e os laterais sobre os seus medianos.

No pórtico, na súa planta baixa, non hai columnas e as tres portas redúcense a unha central con dúas grandes fornelas a ambos os dous lados. Na súa parte superior hai outro balcón para as tres portas que conducen a el, enmarcadas en pilastras de estilo xónico e, sobre elas, un simple frontón con decoración xeométrica. As ventás superiores rematan en semicírculos e as inferiores son alinteladas, con decoración de conchas de vieira. Dispón dunha escalinata ó corpo central de moita menor envergadura cá da fachada principal.

As fachadas laterais presentan parámetro de cachotería lisa no que destacan os remates laterais realizados con bandas verticais de almofadado. As ventás superiores están rematadas en frontóns triangulares e as inferiores, alinteladas, en concha de vieira. Ó igual que na fachada principal, os laterais superiores rematan con cornixas semicirculares.

Entre os materiais empregados a pedra ocupa o maior volume: granito fino das canteiras de Tourón, granito fino e duro das canteiras do Ulloa e granito do país. Para os morteiros utilizouse o cal graxo e a area de mina, cunha proporción de dúas de area e unha de cal. Empregouse estucado de xeso nas decoracións, o ferro nas claraboias e bufardas, o chumbo e cinc nas claraboias e baixantes e a tella plana de Marsella para as cubertas.

Na carpintería utilizouse pinotea para o piso; táboa, barrote e cuberta de cal para os tabiques; castiñeiro para as portas e ventás exteriores, e pinotea para as interiores.

Última modificación: martes, 14 agosto 2018