Revitaliza Plan compost

Como podo compostar?

Para compostar o único que hai que facer é separar ben o lixo na casa, depositar a parte orgánica (restos de comida e vexetais) nunha bolsa, ir ao centro de compostaxe comunitaria máis próximo e verter ese lixo orgánico no seu interior. A bolsa plástica debe depositarse na papeleira situada ao lado do composteiro, nunca dentro deste.

Se así se desexa, tamén se pode botar o estruturante (restos de poda seca que hai nun recipiente anexo) por riba dos restos orgánicos. En calquera caso, persoal técnico especializado (unha mestra ou mestre composteiro) encargarase sempre desa achega.

Que botar no composteiro?

Pódense botar restos de comida crúa ou cociñada, restos de xardín, pousos de café e restos de infusións, filtros e panos de papel (sen tinta), la en bruto, cortes de pelo…. Non se poden botar ao composteiro materiais sintéticos ou químicos nin aqueles que non sexan biodegradables (vidro, metal, plástico), aglomerados de madeira, deterxentes, medicamentos…

Como funciona o composteiro?

Fase 1. Os composteiros da Deputación están formados por unidades modulares. Os veciños e veciñas teñen que depositar o seu lixo orgánico tan só nas unidades de achega e seguidamente cubrilo cunha cantidade igual de estruturante.

A mestra ou mestre composteiro mestura todo e iníciase a descomposición primaria, que é a fase máis delicada, na que se desencadean procesos microbiolóxicos que constitúen o proceso da compostaxe, que ten unha forte demanda de osíxeno e unha gran produción de dióxido de carbono (CO2) e vapor de auga (H2O). A rápida subida da temperatura constitúe o mellor indicador de que o proceso se desenvolve correctamente.

Fase 2. Unha vez cheo o primeiro módulo de achega, aproximadamente en catro semanas, a mestra ou mestre composteiro encárgase de trasladar o material ao segundo módulo. Pásase así á segunda fase, de descomposición secundaria.

Nela prodúcese un escurecemento do material, que indica que os procesos bioxidativos se desenvolven ben. Aínda que máis moderada, mantense a demanda de osíxeno, así como a temperatura, que permanece no limiar dos 50º C. Resulta importante coidar ben de que non baixe a humidade, pois nesta fase é cando hai tendencia a que o material seque. Chegado o momento, realízase o transvasamento ao terceiro módulo.

Fase 3. Na terceira fase prodúcese a maduración do material e supón o final do proceso biolóxico. A temperatura baixa lentamente, igual que a demanda de osíxeno. Modérase a produción de CO2 e demais gases do proceso, que se van substituíndo por outros máis complexos, agradablemente recoñecibles polo seu característico recendo a terra húmida. O material presenta unha cor marrón escura ao que só restaría o peneirado para facilitar o uso do produto como fertilizante, recebo ou emenda orgánica.

Onde hai composteiros?

Neste momento os veciños e veciñas da provincia poden compostar nos centros comunitarios instalados pola Deputación de Pontevedra nos concellos de Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, O Grove, A Illa de Arousa, Moaña, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.

En vindeiras datas está previsto que máis concellos se sumen á iniciativa e instalen máis centros de compostaxe comunitaria. Tamén se repartirán composteiros individuais.