Plan provincial de obras e servizos (Plan Concellos) 2021
O Plan Concellos (Plan de obras e servizos) constitúe o instrumento máis relevante de cooperación da Deputación de Pontevedra ás obras e aos servizos promovidos polos concellos da provincia e mediante o cal se canaliza a maior parte dos investimentos públicos locais.
A elaboración do Plan Concellos susténtase en tres principios básicos: cooperación, equilibrio territorial e respecto á autonomía local:
-
Cooperación, porque a Deputación de Pontevedra, dentro da súa dispoñibilidade orzamentaria, asigna e regula axudas económicas que os concellos xestionan segundo as súas necesidades e características singulares.
Para tal efecto, son os concellos os que definen as prioridades na execución das distintas liñas de actuación nas que se distribúe o plan e os que determinan libremente as obras, as actuacións que se incluirán neste, dentro dos límites establecidos para o debido control e vixilancia do uso dos recursos públicos. - Equilibrio territorial, co fin de garantir a implantación e a prestación integral e adecuada dos servizos básicos de competencia municipal en todos os núcleos de poboación, con independencia da súa localización xeográfica no interior ou na costa, e do seu carácter rural ou urbano para que, en definitiva, haxa as mesmas oportunidades e a seguridade dunha calidade de vida similar independentemente do lugar de residencia das persoas.
- E, por último, respecto á autonomía local e ás atribucións que lles corresponden aos concellos, os cales se responsabilizarán, con carácter xeral, da elaboración dos proxectos e da licitación e da contratación das obras e servizos, por tratarse dos auténticos promotores e, polo tanto, dos máximos responsables da súa execución.
Os concellos encargaranse dos procesos de selección do persoal que se vai contratar para a prestación directa dos servizos municipais, respectando en todo caso a obriga de contratar persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego e a preferencia na contratación de colectivos en risco de exclusión social.
A estrutura e o contido básico do Plan Concellos 2021 non varían substancialmente con respecto aos dos anos anteriores, se ben recolle as variacións para o cumprimento do marco normativo actual e se axusta ás circunstancias excepcionais que afectan o ámbito local a todos os niveis.
Ante unha situación xeneralizada e longa da pandemia ocasionada pola COVID-19, a Deputación de Pontevedra é consciente de que a actividade de fomento da Administración debe estar orientada á contención das consecuencias económicas, co fin de evitar que unha situación conxuntural, coma a actual, supoña un impacto de carácter estrutural.
A realidade é que son as administracións municipais as máis próximas á cidadanía, tanto na necesidade de adoptar medidas sanitarias e preventivas coma de fomento e apoio aos colectivos máis desfavorecidos. O Plan Concellos, excepcionalmente, vai permitir variacións proactivas que encaixan mellor na liña 1 para o tránsito e incremento das liñas 2 e 3 se así o considera necesario o Concello.
Última modificación: martes, 05 xaneiro 2021
-
Luz verde do Pleno ao Plan Concellos 2021 "a maior transferencia de recursos da historia da Deputación"
15 de decembro de 2020 -
O Plan Concellos 2021 ascende ata os 42,5 millóns de euros e volve situar á Deputación de Pontevedra como a administración provincial do Estado que transfire máis recursos
04 de decembro de 2020