Plan Concellos 2021

Plan provincial de obras e servizos (Plan Concellos) 2021

O Plan Concellos (Plan de obras e servizos) constitúe o instrumento máis relevante de cooperación da Deputación de Pontevedra ás obras e aos servizos promovidos polos concellos da provincia e mediante o cal se canaliza a maior parte dos investimentos públicos locais.

A elaboración do Plan Concellos susténtase en tres principios básicos: cooperación, equilibrio territorial e respecto á autonomía local:

  • Cooperación, porque a Deputación de Pontevedra, dentro da súa dispoñibilidade orzamentaria, asigna e regula axudas económicas que os concellos xestionan segundo as súas necesidades e características singulares.
    Para tal efecto, son os concellos os que definen as prioridades na execución das distintas liñas de actuación nas que se distribúe o plan e os que determinan libremente as obras, as actuacións que se incluirán neste, dentro dos límites establecidos para o debido control e vixilancia do uso dos recursos públicos.
  • Equilibrio territorial, co fin de garantir a implantación e a prestación integral e adecuada dos servizos básicos de competencia municipal en todos os núcleos de poboación, con independencia da súa localización xeográfica no interior ou na costa, e do seu carácter rural ou urbano para que, en definitiva, haxa as mesmas oportunidades e a seguridade dunha calidade de vida similar independentemente do lugar de residencia das persoas.
  • E, por último, respecto á autonomía local e ás atribucións que lles corresponden aos concellos, os cales se responsabilizarán, con carácter xeral, da elaboración dos proxectos e da licitación e da contratación das obras e servizos, por tratarse dos auténticos promotores e, polo tanto, dos máximos responsables da súa execución.

Os concellos encargaranse dos procesos de selección do persoal que se vai contratar para a prestación directa dos servizos municipais, respectando en todo caso a obriga de contratar persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego e a preferencia na contratación de colectivos en risco de exclusión social.

A estrutura e o contido básico do Plan Concellos 2021 non varían substancialmente con respecto aos dos anos anteriores, se ben recolle as variacións para o cumprimento do marco normativo actual e se axusta ás circunstancias excepcionais que afectan o ámbito local a todos os niveis.

Ante unha situación xeneralizada e longa da pandemia ocasionada pola COVID-19, a Deputación de Pontevedra é consciente de que a actividade de fomento da Administración debe estar orientada á contención das consecuencias económicas, co fin de evitar que unha situación conxuntural, coma a actual, supoña un impacto de carácter estrutural.

A realidade é que son as administracións municipais as máis próximas á cidadanía, tanto na necesidade de adoptar medidas sanitarias e preventivas coma de fomento e apoio aos colectivos máis desfavorecidos. O Plan Concellos, excepcionalmente, vai permitir variacións proactivas que encaixan mellor na liña 1 para o tránsito e incremento das liñas 2 e 3 se así o considera necesario o Concello.

Última modificación: mércores, 17 febreiro 2021