Igualdade

I Plan de Igualdade

A través do Plan de Igualdade da Deputación de Pontevedra elimínase toda discriminación contra as mulleres e impúlsase o avance no desenvolvemento dun marco favorable de relacións laborais baseado na igualdade de oportunidades, a non discriminación e a tolerancia cero ante as situacións de violencia contra as mulleres, promovendo un entorno seguro e saudable para todo o persoal ao servizo desta administración.

Así todos os servizos, departamentos e persoal da institución provincial pódense acoller ás medidas incluídas no I Plan de Igualdade. Entre outras cuestións, o plan contén todas as medidas que contempla o Pacto do Estado en materia laboral, así como as medidas que o Senado recolleu contra as violencias machistas. Deste xeito, a Deputación de Pontevedra está a dar un paso máis adiante xa que as cuestións abordadas no Pacto do Estado en materia laboral e contra as violencias machistas aínda non foron desenvolvidas por outras administracións.

Ademais, o I Plan de Igualdade da Deputación de Pontevedra trátase do primeiro dunha administración pública española que se elaborou en base a unha auditoría laboral de xénero, que contén unha análise exhaustiva da área salarial do persoal baixo a perspectiva de xénero, cumprindo os termos establecidos en todas as recomendacións. Cunha vixencia de tres anos, o plan pretende dar cumprimento á normativa existente no Estado e á lexislación galega, pero ampliando o concepto de discriminación en liña cos obxectivos do Convenio de Istambul.

Os principais eixos de actuación do I Plan de Igualdade son remover os obstáculos que impliquen calquera tipo de discriminación coa fin de ofrecer condicións de igualdade efectiva no acceso ao emprego público e no desenvolvemento da carreira profesional; facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, sen menoscabo da promoción profesional; fomentar a formación en igualdade, tanto no acceso ao emprego público como ao longo da carreira profesional; promover a presenza equilibrada de mulleres e homes nos órganos de selección e valoración; establecer medidas efectivas de protección fronte ao acoso sexual e ao acoso por razón de sexo; establecer medidas efectivas para eliminar calquera discriminación retributiva, directa ou indirecta, por razón de sexo e avaliar periodicamente a efectividade do principio de igualdade nos seus respectivos ámbitos de actuación.

Para acadalo o Plan de Igualdade ten por obxectivos promover o principio de igualdade garantindo as mesmas oportunidades profesionais; garantir a ausencia de discriminación por razón de sexo, e especialmente as derivadas da maternidade, paternidade, a asunción de obrigas familiares, o estado civil e condicións laborais; eliminar toda manifestación de discriminación na promoción interna e selección co obxecto de acadar na empresa unha representación equilibrada da muller no cadro de persoal; previr o acoso laboral, sexual e por razón de sexo; promover mediante accións de comunicación e formación da igualdade en todos os niveis da organización; facilitar a conciliación da vida profesional, persoal e familiar; evitar os posibles riscos derivados do traballo nas mulleres en situación de embarazo ou en período de lactación; prestar apoio no ámbito laboral ás vítimas de violencia de xénero; fixar obxectivos concretos de igualdade dentro duns prazos de tempo razoables e establecer sistemas eficaces de control interno e avaliación externa sobre o cumprimento dos obxectivos.

Última modificación: venres, 08 febreiro 2019