Plan de Práctica Laboral en Concellos e Deputación

A Deputación de Pontevedra, continuando coas políticas de promoción do emprego, pon en marcha, en colaboración cos concellos da provincia, o Plan de práctica laboral para a Deputación e os concellos da provincia de Pontevedra 2018.

Destinado aos concellos de menos de 50.000 habitantes

Distribúese un total de 162 bolsas de práctica laboral para persoas con titulación universitaria ou de formación profesional de ciclo superior, sen experiencia laboral previa no ámbito da súa titulación, nos distintos concellos da provincia de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes, coa finalidade de promover e completar a súa formación académica mediante a realización dun proxecto formativo que lles poida proporcionar a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

O prazo de presentación de solicitudes será do 12 ao 26 de febreiro de 2018

As novidades máis salientables este ano son as seguintes:

  • Será necesario solicitar unha titulación suplente para cada unha das bolsas solicitadas, que substituirá a esta cando resulte vacante por falta de persoas candidatas
  • Para os casos de renuncia da persoa bolseira antes da finalización da bolsa, poderase solicitar a súa substitución sempre que non transcorrese un prazo superior a catro meses desde a data de inicio da bolsa
  • Os concellos que no seu momento desexen adherirse á rede de oficinas de Turismo Rías Baixas, neste plan non poderán solicitar titulacións relacionadas con actividades turísticas (grao ou diplomatura en Turismo, título de técnico superior en Información e Comercialización Turística e título de técnico superior en Guía, Información e Asistencia Turística)
  • Será necesario acreditar a capacidade da persoa titora para levar a cabo a súa función

Documentación que se deberá presentar, xunto co formulario de solicitude, no Rexistro xeral da Deputación de Pontevedra:

  • Acordo favorable, por parte do órgano competente, de adhesión ao Plan de práctica laboral en concellos 2018 da Deputación
  • Proxecto de práctica laboral que se vai desenvolver, especificando o perfil das persoas bolseiras (persoas tituladas universitarias ou de ciclos superiores de formación profesional), o contido das tarefas que deberá realizar cada unha delas, o centro de traballo, departamento, equipo, horario, sistemas de titorías da formación práctica e criterios de avaliación para comprobar os resultados da aprendizaxe e a adquisición de competencias profesionais
  • Designación, por parte do órgano competente, do persoal técnico do Concello que actuará como titor e que se encargará da formación práctica e da supervisión e apoio técnico ás persoas bolseiras, así como da distribución e avaliación das tarefas que se lles encomenden
  • Acreditación da capacidade do persoal do Concello designado como titor para levar a cabo esta función, mediante a RPT ou unha certificación da Alcaldía ou Secretaría do Concello que acredite unha titulación ou a experiencia profesional adecuada
  • Declaración responsable de manter os requisitos esixidos durante o período de vixencia da bolsa, debendo informar de calquera variación das circunstancias

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes publicarase na web da Deputación a relación provisional dos concellos admitidos e excluídos nesta convocatoria, e indicaranse, en cada caso, os motivos da exclusión. Os solicitantes excluídos disporán dun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da mencionada lista, para emendar os motivos da exclusión.