Viveiros de empresas de Barro-Meis e Lalín

Servizos do centro de servizos e apoio empresarial

Administración

O centro é atendido de luns a venres, en horario ininterrompido de 8 a 22 horas, por persoal da Deputación, que se encarga da atención ao público e ás persoas usuarias e das instalacións, ademais velar polo bo funcionamento destas.

Cafetería

Establecemento de 175,65 m², de pública concorrencia, pechado e cuberto, no que se lle serve ao público de maneira profesional e permanente, mediante prezo, bebida e comida dentro do horario de apertura das instalacións.

Coworking

A través desta iniciativa a Escola de Organización Industrial (EOI) e a Deputación de Pontevedra pretenden fomentar o emprendemento e aumentar as posibilidades de éxito dos proxectos de negocio que participen destes espazos de coworking nun período limitado de tempo, identificando os proxectos con máis potencial de desenvolvemento.

A EOI e a Deputación realizarán catro convocatorias no coworking, cunha duración de 5 meses cada unha delas, que darán cabida a entre 16 e 22 proxectos emprendedores.

As convocatorias están dirixidas a emprendedoras e emprendedores cun proxecto en fase inicial de desenvolvemento ou cunha empresa creada recentemente (non máis de 6 meses antes da súa incorporación ao espazo coworking).

As persoas beneficiarias destes espazos de coworking seguirán un proceso de asesoría e mentorización personalizada de 40 horas por parte de persoas de recoñecido prestixio, que as acompañarán desde o deseño do modelo de negocio ata a súa posta en marcha e a optimización do proxecto, dándolles resposta ás necesidades que se presenten no camiño.

Ademais, desenvolveranse máis de 60 horas de formación especializada en diversas temáticas, con obradoiros e sesións de formación grupal para potenciar o desenvolvemento de competencias en emprendemento e en xestión de proxectos.

Co lanzamento do espazo coworking as e os emprendedores da provincia poderán acceder a un amplo abano de servizos de emprendemento que promove a Deputación (coworking, FabLab, SmartPeme e depoEmprende, entre outros), para cubrir desta maneira as súas necesidades de formación, asesoramento especializado e mentorización.

Desta forma, a EOI e a Deputación de Pontevedra buscan que os proxectos participantes poidan incorporarse en aceleradoras e cubrir así a seguinte fase no desenvolvemento das súas empresas. Esta iniciativa, totalmente gratuíta para as e os emprendedores, está cofinanciada polo Fondo Social Europeo e representa un investimento global de 800.000 euros.

Por outro lado, organizaranse diferentes actividades encamiñadas a potenciar o networking e compartir boas prácticas, que contarán coa experiencia doutras persoas emprendedoras, expertas e empresarias.

Como clausura a cada unha das edicións terá lugar un Demo Day no cal se presentarán os proxectos participantes no espazo coworking, a súa evolución e as posibilidades de colaboración con eles.

FabLab

O espazo coworking de Barro ten unha importante particularidade, as e os participantes terán acceso de maneira gratuíta ao novo FabLab (laboratorio de fabricación dixital) da Deputación de Pontevedra, que está situado no mesmo espazo do centro de servizos e apoio e conta cun equipamento de fabricación dixital.

Desenvólvese unha completa programación de obradoiros específicos de fabricación dixital para promover o coñecemento e o uso desta tecnoloxía. Así, calquera persoa emprendedora que o precise poderá experimentar e realizar prototipos do seu deseño nestas innovadoras instalacións.

O FabLab conta con impresoras e escáneres 3D, kits de Arduino, unha fresadora de madeira, soldadores de electrónica, material electrónico diverso, ferramentas e ordenadores de sobremesa con gran capacidade de procesamento e almacenamento. Ademais, para que se poidan levar a cabo labores experimentais no ámbito da electrónica e programación, o FabLab tamén conta cun gran número de circuítos integrados (Shield) que permiten a conectividade wi-fi, Bluetooth, XPS, 3G, NFC e de sensores de son, temperatura, cor, distancia, presión e humidade.