Calidade

Servizo de Promoción de Emprego e Desenvolvemento Local

A calidade e modernización da Administración pública non é unha moda, senón unha necesidade.

O sector público e, en particular, a Administración local han de estar máis próximos ás inquietudes dos grupos de interese e formar e sensibilizar o persoal para lograr unha Administración máis receptiva e accesible, que responda con prontitude ás novas necesidades, facilite máis información e potencie unha maior participación entre a cidadanía e o persoal ao servizo da mesma.

A Administración local é a máis próxima ás e aos cidadáns, a que ocupa unha mellor posición para escoitar e responder e a que ten máis razóns para cambiar. Por iso é necesario modernizarse e innovar de forma sistemática e planificada, utilizando técnicas e modelos de xestión de calidade contrastados.

A política de calidade serve de marco para establecer os obxectivos do Servizo de Promoción de Emprego e Desenvolvemento Local, de acordo coas liñas estratéxicas impulsadas para a promoción da formación e do emprego, que inclúen:

  • Programas para o impulso da cultura emprendedora e o autoemprego no ámbito educativo, na formación profesional para o emprego e na práctica laboral
  • Programas de formación vinculados á obtención de certificados de profesionalidade que permitan mellorar as cualificacións e as competencias profesionais
  • Programas dirixidos a promover a produtividade e a empregabilidade que combinen accións de orientación e de apoio coa procura de emprego por conta allea

A política de calidade comunicaráselle formalmente a todos os grupos de interese mediante a súa difusión na páxina web da Deputación de Pontevedra e será obxecto de revisión anual para asegurar a súa adecuación ao propósito, ao contexto e á estratexia do Servizo.

A Presidencia comprométese á mellora continua e ao cumprimento dos requisitos de aplicación.

As directrices xerais que se establecen para a consecución dos obxectivos do Servizo de Promoción de Emprego e Desenvolvemento Local son as seguintes:

  • Lograr a plena satisfacción dos grupos de interese, proporcionándolles servizos acordes cos requisitos, necesidades, expectativas e especificacións establecidas nas disposicións de aplicación
  • Establecer un protocolo documentado para asegurar a calidade dos servizos
  • Implantar a mellora continua como norma de conduta
  • Dotar de medios e recursos necesarios para o seu logro
  • Dotar o responsable de xestión da autoridade necesaria para avaliar a adecuación e eficacia do sistema de xestión de calidade

A presidencia da Deputación Provincial de Pontevedra comprométese a desenvolver as directrices que se establecen nesta política e no propio sistema de xestión de calidade.

Última modificación: martes, 21 xaneiro 2020