Cooperación transfronteiriza

Ponte peonil sobre o Miño

A Deputación de Pontevedra aspira a "borrar a fronteira do Miño" co impulso da nova ponte peonil entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira. En xullo de 2016 asinouse, con este obxectivo, un protocolo de colaboración para poñer en marcha un concurso internacional de ideas co que buscar diferentes opcións para a construción da nova pasarela de conexión entre o Espazo-Fortaleza de Tomiño e o Parque do Castelinho, en Vila Nova de Cerveira. A intención é que a nova ponte, a primeira peonil e a sexta entre as beiras portuguesa e pontevedresa, permita unir as áreas recreativas dos dous países creando un parque transfronteirizo de xestión común cunha superficie de 100.000 m2, ademais de facilitar a conexión das veciñas e veciños de Tomiño á estación de tren de Vila Nova de Cerveira.

A redacción do deseño da nova ponte peonil e ciclista sobre o Miño está encadrada nunha das actividades do proxecto Visit Rio Minho presentado á primeira convocatoria do Programa Operativo España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 Interreg V-A nunha candidatura conxunta da Deputación de Pontevedra coa CIM do Alto Minho, os concellos do norte de Portugal, a Fundación CEER, o Centro Tecnolóxico do Mar e a Universidade de Vigo. Este proxecto obtivo un cofinanciamento do 75 % de fondos FEDER no marco da referida convocatoria do POCTEP 2014-2020 Interreg V-A, cun orzamento total aprobado de dous millóns de euros e cunha achega da Unión Europea de 1.500.000 euros.