Concurso de ideas para a construción da ponte peonil que unirá Tomiño e Vila Nova da Cerveira

Valoración de propostas do concurso de ideas para a construción da ponte peonil que unirá Tomiño e Vila Nova da Cerveira

O xurado do concurso para o proxecto da nova ponte peonil mantivo durante o pasado mes de xaneiro reunións técnicas para valorar as 24 propostas aceptadas que cumprían as bases da iniciativa.

O venres 19 de xaneiro parte da comisión de valoración realizou unha visita ás beiras do río Miño en Tomiño e Vila Nova de Cerveira -sobre as que se instalará o novo viaduto- para coñecer como encaixan as propostas de deseño no lugar. Tamén realizaron unha viaxe en barco polo río e subiron ata o miradoiro do Cervo para dispoñer de todas as perspectivas da futura construción.

A redacción do deseño da nova ponte peonil e ciclista sobre o Miño está encadrada nunha das actividades do proxecto Visit Rio Minho presentado á primeira convocatoria do Programa Operativo España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 Interreg V-A nunha candidatura conxunta da Deputación de Pontevedra coa CIM do Alto Minho, os concellos do norte de Portugal, a Fundación CEER, o Centro Tecnolóxico do Mar e a Universidade de Vigo. Este proxecto obtivo un cofinanciamento do 75 % de fondos FEDER no marco da referida convocatoria do POCTEP 2014-2020 Interreg V-A, cun orzamento total aprobado de dous millóns de euros e cunha achega da Unión Europea de 1.500.000 euros.

19-01-2018 Visita do xurado do concurso de ideas da ponte peonil en Tomiño e Cerveira