Practicum Depo

Preguntas frecuentes

Que é o programa Eramus+?

É un programa de mobilidade organizado pola UE e xestionado pola Comisión Europea para permitirlles ás persoas participantes aumentar as súas oportunidades no ámbito da educación e da formación a través de diferentes accións clave.

Cales son os obxectivos do proxecto Practicum Depo 2015?

Aumentar as oportunidades de formación no estranxeiro do alumnado de Formación Profesional e proporcionarlle as habilidades necesarias para a transición do ámbito da educación e a formación ao mercado laboral.

Que lles ofrece ás persoas participantes o proxecto Practicum Depo 2015?

A posibilidade de realizar prácticas formativas nun país estranxeiro (non se inclúen as prácticas no mesmo país no que se están a formar) durante un período aproximado de seis meses e medio, mellorar a súa competencia lingüística nunha lingua estranxeira e as competencias vinculadas ao seu perfil profesional.

Máis polo miúdo:

  • Axuda para a viaxe de ida e a de volta
  • Preparación lingüística antes e durante a mobilidade
  • Prácticas en empresas
  • Axuda para o aloxamento e a manutención
  • Titorización do programa de prácticas
  • Supervisión do programa de prácticas
  • Seguro de viaxe

Que persoas poden participar no proxecto Practicum Depo 2015?

Estudantes de ciclos medios de Formación Profesional de calquera centro educativo socio do proxecto Practicum Depo 2015. Tamén poderán facelo as persoas recentemente tituladas durante o seguinte ano ao de finalización dos seus estudos, sempre que sexan seleccionadas durante o último curso académico da súa formación. 

Deben iniciar e finalizar a mobilidade durante os 12 meses posteriores á data da súa titulación (data da firma das actas de avaliación).

Teñen que residir no noso país e ser maiores de 18 anos.

Como se seleccionan as persoas que van realizar prácticas?

O centro educativo realiza a selección en función do número de mobilidades concedidas. A Deputación de Pontevedra participa tamén neste proceso selectivo.

A selección faise por procedementos equitativos, transparentes e igualitarios baseándose nos seguintes criterios:

  • Cumprimento dos requisitos establecidos no programa Erasmus+ (si/non)
  • Adecuación da titulación e o perfil (30 %)
  • Coñecemento de idiomas no nivel requirido (20 %)
  • Expediente académico (30 %)
  • Méritos (10 %)
  • Entrevista persoal (10 %)

Cantas mobilidades de prácticas se poden realizar como estudante ou persoa recentemente titulada en FP?

Poderá facerse máis dunha mobilidade para estudos ou prácticas pero a duración de todas elas non poderá superar os 12 meses en cada nivel educativo.

Poderanse realizar dúas estancias de prácticas na mesma empresa se se usan fontes de financiamento diferentes?

Realizarase un único período de prácticas, independentemente das fontes de financiamento.

Incumprimento por parte do participante dos termos do acordo "Modelo de convenio de subvención Erasmus Formación Profesional para estudos e/ou prácticas"

No caso de incumprimento de calquera obriga derivada do convenio a institución terá dereito a rescindilo ou cancelalo sen máis trámite legal cando o participante non realice ningunha acción no mes seguinte ao de recepción da correspondente notificación por correo certificado. Así o establece a cláusula 2 (Rescisión do convenio) do anexo II (Condicións xerais) deste convenio.

Se o participante incumpre o establecido no convenio deberá devolver a cantidade da axuda que se lle aboase. Así o establece a cláusula 2 (Rescisión do convenio) do anexo II (Condicións  xerais) do convenio de subvención Erasmus+ Formación Profesional para estudos e/ou prácticas.

Rescisión por parte do participante do acordo "Modelo de convenio de subvención Erasmus Formación Profesional para estudos e/ou prácticas" antes da súa finalización

Se o participante rescinde o convenio antes do seu prazo de finalización deberá devolver a cantidade da axuda aboada. Así o establece a cláusula 2 (Rescisión do convenio) do anexo II (Condicións xerais) deste convenio.

Rescisión ou incumprimento por parte do participante do acordo "Modelo de convenio de subvención Erasmus Formación Profesional para estudos e/ou prácticas" por causa de forza maior

No caso do regreso dun participante antes da data estipulada no seu contrato por unha causa de forza maior, é dicir, unha situación excepcional e imprevisible ou un acontecemento máis alá do control do participante e non atribuíble a un erro ou unha neglixencia pola súa parte, o participante ten dereito a recibir a subvención correspondente á duración da estancia formativa realizada ata o momento da interrupción. Calquera fondo restante deberá ser devolto.

Estas circunstancias de causa de forza maior, unha vez informadas polos participantes,  comunicaránselle desde a Deputación de Pontevedra á Axencia Nacional que xestiona o programa Erasmus+ e será esta a que decida a súa aceptación.

A título informativo son considerados motivos válidos ou de forza maior, cando sexan debidamente xustificados:

  • A enfermidade grave do participante
  • A enfermidade grave ou falecemento dun familiar ata o segundo grao de parentesco, por consanguinidade ou afinidade
  • Unha oferta probada de emprego (contrato de traballo)
  • Unha entrevista probada de traballo

Para que outras causas poidan ser consideradas de forza maior requirirase autorización previa.

O beneficiario achegará no informe final a documentación xustificativa dos motivos que interromperon a estancia. 

Última modificación: venres, 27 novembro 2015

 

  • erasmus +


  • Este proxecto foi financiado co apoio da Comisión Europea. Esta comunicación é responsabilidade exclusiva do seu autor. A Comisión non é responsable do uso que poida facerse da información aquí difundida.