Practicum Depo

Sobre as prácticas

Que duración van ter as prácticas formativas?

Na maioría dos casos un máximo de 194 días, 28 semanas 

Cando empeza a computar o período de prácticas?

O primeiro día de incorporación á empresa ou institución de prácticas. O período formativo comprende desde o primeiro ata o último día de prácticas.

Pode interromperse o período de mobilidade? (vacacións da empresa)

O período de mobilidade pode ser interrompido polas vacacións da empresa se esta pecha durante ese tempo. A axuda mantense durante o referido período. O tempo de peche non computará para a duración mínima do período de formación práctica, que en estudantes de FP ten que ser de 2 meses, pero si conta para a duración máxima por cada ciclo de estudo para o que o mesmo estudante pode recibir bolsas de mobilidade. No caso de estudantes de ciclos medios de Formación Profesional a duración máxima é de 12 meses.

Onde se realizan as prácticas?

Nunha empresa, centro de formación ou institución do estranxeiro. As persoas participantes na mobilidade coñecen o lugar de prácticas antes de iniciar a mobilidade.

Quen elixe a empresa/institución de prácticas?

A organización intermediaria, unha organización no país de destino que lles presta apoio ás persoas en prácticas, é a encargada de seleccionar organizacións de acollida adecuadas para conseguir os obxectivos da estancia segundo as necesidades de cada participante e as súas habilidades lingüísticas, tendo en conta os CV facilitados e a carta de motivación de cada persoa participante.

Que acontece se a empresa cancela as prácticas?

Nese caso a entidade intermediaria buscará outra colocación sen custo adicional. 

Que sucede se o participante considera que as prácticas non son idóneas? (período de adaptación á empresa)

O participante dispón dun prazo de dúas semanas para comprobar a idoneidade das prácticas. No caso de calquera desaxuste a organización intermediaria revisará o contido destas e, se fose necesario, buscaralle ao participante outra empresa na que poida realizar as prácticas.

Que acontece se a persoa en prácticas é expulsada da empresa?

Se a actitude da persoa participante levase á empresa a expulsala esta podería ser excluída do programa, o que suporía o seu regreso inmediato a España, a devolución das axudas recibidas e o pagamento dos gastos ocasionados ata o momento.   

Quen supervisará as prácticas na empresa durante a mobilidade?

Un titor dentro da empresa, que será a persoa de referencia dentro da compañía. Esta persoa é un traballador máis da empresa e, polo tanto, non poderá dedicar a súa xornada exclusivamente á supervisión do participante. 

Por outra banda, a empresa intermediaria e a Deputación de Pontevedra tamén supervisarán que as prácticas se están a desenvolver adecuadamente. 

Cal é o horario de prácticas?

O que estableza a empresa. Non poderá superar a xornada máxima legal de cada país.

Permítense ausencias ás prácticas?

Non se poderá faltar ás prácticas nin un só día de xeito inxustificado.

No caso de enfermidade o participante terá que comunicarllo á empresa de prácticas, se a situación supera os dous días terá que entregarlle un parte médico.

As ausencias inxustificadas poderían levar á expulsión do participante do programa, o que implicaría o seu regreso inmediato a España, a devolución das axudas recibidas e o pagamento dos gastos ocasionados ata o momento.

Incidencias durante as prácticas. Como proceder?

Se xurdise algún inconveniente en referencia ás prácticas que o participante considere que precisa solución deberá informar, en primeiro lugar, o titor da empresa, e, se deste xeito non atopase solución, dirixirase, en segundo lugar, á persoa de contacto da organización intermediaria. En último termo contactará coa Deputación de Pontevedra.    

Pódense ampliar as prácticas na empresa?

Si, pódese solicitar a ampliación. Esta solicitude deberá dirixirse á Deputación como mínimo cun mes de antelación á finalización do período de mobilidade.

A posible ampliación non representará un incremento da subvención concedida.

O período adicional deberá ser inmediatamente posterior ao período de mobilidade en curso.

Última modificación: mércores, 02 decembro 2015

 

  • erasmus +


  • Este proxecto foi financiado co apoio da Comisión Europea. Esta comunicación é responsabilidade exclusiva do seu autor. A Comisión non é responsable do uso que poida facerse da información aquí difundida.