Preguntas e respostas sobre o novo coronavirus (COVID-19)

Preguntas e respostas sobre o coronavirus (COVID-19)

A partir do luns 1 de xuño é necesario solicitar cita previa para realizar calquera trámite administrativo de forma presencial.

Teléfono información xeral sobre o coronavirus: 900 400 116

Que é o novo coronavirus?

Os coronavirus son unha ampla familia de virus que normalmente lles afectan só aos animais. Algúns teñen a capacidade de se transmitir dos animais ás persoas.

O coronavirus SARS-CoV-2 é un novo tipo de coronavirus que lles pode afectar ás persoas e que se detectou por primeira vez en decembro de 2019 na cidade de Wuhan, na provincia de Hubei, na China. Aínda hai moitas cuestións que se descoñecen en relación coa enfermidade que produce: COVID-19.

Cales son os síntomas de COVID-19?

Os síntomas máis comúns inclúen febre, tose e sensación de falta de aire. Nalgúns casos tamén pode haber síntomas dixestivos coma diarrea e dor abdominal. A maioría dos casos presentan síntomas leves.

Nos casos máis graves a infección pode causar pneumonía, dificultade importante para respirar, fallo renal e mesmo a morte. Estes casos máis graves ocorren xeralmente en persoas de idade avanzada ou que padecen algunha enfermidade crónica, coma enfermidades do corazón e do pulmón ou problemas de inmunidade.

Cales son os grupos vulnerables?

Os principais grupos vulnerables son as persoas maiores de 60 anos, aquelas persoas diagnosticadas de hipertensión arterial, diabetes, enfermidades cardiovasculares, enfermidades pulmonares crónicas, cancro ou inmunodeficiencias e as mulleres embarazadas por motivos de precaución.

 

Como se transmite o novo coronavirus?

Parece que a transmisión é por contacto estreito coas secrecións respiratorias que se xeran coa tose ou o esbirro dunha persoa enferma.

A súa contaxiosidade depende da cantidade do virus nas vías respiratorias. Estas secrecións infectarían outra persoa se entran en contacto co seu nariz, os seus ollos ou a súa boca. Parece pouco probable a transmisión polo aire a distancias maiores dun ou dous metros. Polo que sabemos ata o de agora, as persoas que non presentan síntomas non transmiten a enfermidade.

Cal é a situación en España?

Actualmente existe unha transmisión comunitaria sostida xeneralizada en España. Pódese consultar a situación actualizada na seguinte ligazón: : https://www.mscbs.gob.es/

Existe un tratamento para a COVID-19?

Non existe un tratamento específico, pero estanse a empregar algúns antivirais que demostraron certa eficacia en estudos recentes. Si que existen moitos tratamentos para o control dos seus síntomas, polo que a asistencia sanitaria mellora o prognóstico.

Ao ser unha infección producida por un virus os antibióticos non se deben usar como medio de prevención ou tratamento.

Que podo facer para protexerme?

As medidas xenéricas de protección individual fronte a enfermidades respiratorias inclúen:

  • Lavar as mans de xeito frecuente (con auga e xabón ou solucións alcohólicas), especialmente despois do contacto directo con persoas enfermas ou o seu contorno
  • Ao tusir ou esbirrar, cubrir a boca e o nariz co cóbado flexionado
  • Usar panos de usar e tirar e botalos ao lixo tras o seu uso
  • Se se presentan síntomas respiratorios, evitar o contacto próximo (mantendo unha distancia de 1-2 metros aproximadamente) con outras persoas
  • Evitar tocar os ollos, o nariz e a boca, xa que as mans facilitan a transmisión
  • Evitar contactos directos (saúdos de mans e apertas)

En España non hai que tomar precaucións especiais cos animais nin cos alimentos para evitar esta infección.

Que medidas de control se están a tomar?

O 14 de marzo declarouse o estado de alarma en todo o territorio español, polo que se están a tomar medidas para lle facer fronte a esta situación grave e excepcional co obxectivo de protexer a saúde da cidadanía, conter a progresión da enfermidade e reforzar o sistema de saúde pública. Para manterse ao día da situación pódense consultar as fontes oficiais.

Que teño que facer se teño síntomas?

As persoas que presenten febre ou tose deberán quedar no seu domicilio, illarse nun cuarto e contactar cos servizos de saúde a través do teléfono habilitado na súa comunidade autónoma, dispoñible en: https://www.mscbs.gob.es/profesionales/saludPublica/ccayes/alertasActual/nCov-China/telefonos.htm

Para coñecer como realizar o illamento domiciliario pódese consultar a seguinte ligazón: https://www.mscbs.gob.es/profesionales/saludPublica/ccayes/alertasActual/nCov-China/documentos/20200323_Decalogo_como_actuar_COVID19.pdf

Se se ten sensación de falta de aire, empeoramento ou sensación real de gravidade por calquera outro síntoma, chamarase ao 112.

Que fago se coñezo alguén con síntomas de coronavirus?

No caso de que se producise un contacto estreito, é dicir, se se coidou dunha persoa con sospeita de ter coronavirus ou se mantivo unha relación próxima (a menos de 2 metros) e continuada con ela, realizarase corentena domiciliaria durante 14 días.

A corentena domiciliaria consiste en quedar no domicilio e non saír da casa excepto por necesidade de asistencia sanitaria.

Estanse a facer probas para diagnosticar a infección?

Na situación actual de transmisión comunitaria sostida déuselle prioridade á realización de probas ás e aos pacientes hospitalizados ou con criterios de ingreso hospitalario e ás e aos profesionais sanitarios e sociosanitarios ou doutros servizos esenciais que presenten síntomas para evitar a transmisión do virus nestes contextos.

Poderase considerar a realización dun test diagnóstico a persoas especialmente vulnerables, segundo valoración clínica individualizada.

Ligazóns de interese

Para máis información, pódense consultar as seguintes fontes oficiais.

 

 

Técnica de hixiene de mans

con auga e xabón e antisepsia con preparados de base alcohólica

  • 1

    1. Deposite na palma da man unha cantidade de produto suficiente para cubrir todas as superficies que se queren tratar

  • 2

    2. Fregue as palmas das mans entre si

  • 3

    3. Fregue a palma da man dereita contra o dorso da man esquerda entrelazando os dedos, e viceversa

  • 4

    4. Fregue as palmas das mans entre si, cos dedos entrelazados

  • 5

    5. Fregue o dorso dos dedos dunha man coa palma da man oposta, agarrándoos

  • 6

    6. Fregue cun movemento de rotación o polgar esquerdo, rodeándoo coa palma da man dereita, e viceversa

  • 7

    7. Fregue a punta dos dedos da man dereita contra a palma da man esquerda, facendo un movemento de rotación, e viceversa

  • 8

    8. Unha vez secas, as súas mans son seguras

  • 1

    1. Molle as mans con auga
        Deposite na palma da man unha cantidade de produto suficiente para cubrir todas as superficies que se queren tratar

  • 2

    2. Fregue as palmas das mans entre si

  • 3

    3. Fregue a palma da man dereita contra o dorso da man esquerda entrelazando os dedos, e viceversa

  • 4

    4. Fregue as palmas das mans entre si, cos dedos entrelazados

  • 5

    5. Fregue o dorso dos dedos dunha man coa palma da man oposta, agarrándoos

  • 6

    6. Fregue cun movemento de rotación o polgar esquerdo, rodeándoo coa palma da man dereita, e viceversa

  • 7

    7. Fregue a punta dos dedos da man dereita contra a palma da man esquerda, facendo un movemento de rotación, e viceversa

  • 8

    8. Enxaugue as mans con auga

  • 9

    9. Seque as mans cunha toalla dun só uso

  • 10

    10. Utilice a toalla para pechar a billa

  • 8

    11. Unha vez secas, as súas mans son seguras

Última modificación: mércores, 11 marzo 2020