Certame de Microteatro da Memoria

I Premio Aberto de Microteatro sobre Memoria Histórica

A Deputación de Pontevedra quere achegarlle á mocidade a Memoria Histórica, o acontecido durante a Ditadura, a Represión Franquista, a Transición e as súas consecuencias. Para iso, acaba de convocar o I Premio Aberto de Microteatro sobre Memoria Histórica, un formato atractivo e actual para a xente moza dentro do ámbito artístico.

O I Premio Aberto de Microteatro terá un formato de teatro breve, cun único recoñecemento dotado con 500 euros, ao que poden aspirar tanto persoas con formación en dramaturxia como mozas e mozos en xeral. O prazo de presentación dos guións ábrese coa publicación das bases do acordo tanto na páxina web da ESADg coma na da Deputación; haberá de prazo un mes para entregar as propostas.

A data de publicación das bases do I Premio Aberto de Microteatro sobre Memoria Histórica, na web da Deputación de Pontevedra, é o 11 de novembro de 2020.

A liberdade temática é total, mais existen tres premisas coas que é obrigado abordar a Memoria Histórica: desde unha perspectiva de país, de clase e de xénero. "É importante deixar de contar a historia como se contou, ter unha visión crítica, e para iso hai que ver as particularidades de Galiza, amosar a visión das mulleres e tamén da base social que foi quen de actuar, para reivindicar as súas accións", explica a deputada María Ortega.

Bases

Última modificación: xoves, 12 novembro 2020