Mulleres no foco

Premios Mulleres no Foco 2021

Os Premios #Mulleres no Foco 2021, promovidos pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA), teñen como obxectivo poñer en valor o traballo das profesionais galegas no audiovisual co fin de mudar as cifras de infrarrepresentación actuais das mulleres do sector.

Dado que a muller sofre maior invisibilidade e menor presenza no audiovisual, especialmente na dirección, segundo se mostra cada ano no informe CIMA, con esta convocatoria propóñense tres premios que recoñezan o papel da muller, que recompensen e visibilicen o meritorio labor das galardoadas no seu ámbito de traballo. Para iso, na denominación do premio recollerase o campo de especialización da premiada.

Trátase dunha convocatoria aberta á recepción de candidaturas, nas que se distinguirán perfís con perspectiva de xénero, activistas polo recoñecemento da muller no sector e impulsoras do emprego feminino no audiovisual galego, obviamente alén da súa traxectoria persoal e do seu talento.

Cada premio contará con cadansúa dotación económica.

Última modificación: mércores, 31 marzo 2021