Defensoras de dereitos

Defensoras de dereitos

A Deputación de Pontevedra pon en marcha, en colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD, o programa "Defensoras de dereitos", un ciclo de charlas e xornadas de comercio xusto que arrancan o 19 de novembro en Vilagarcía de Arousa e se estenderán ata o 28 de novembro en Marín para "fomentar a comprensión das desigualdades e mudar a realidade". A actuación enmárcase nos Días Europeos de Solidariedade Local que promove a Rede Europea de Gobernos Locais e Rexionais para o Desenvolvemento, PLATFORMA, á que se adheriu a Deputación de Pontevedra.

A través de "Defensoras de dereitos" preténdese "promover o coñecemento das causas e consecuencias globais que obrigan a activistas defensoras dos dereitos humanos de América Latina a exiliarse e acollerse a programas de protección internacional ou a solicitar asilo noutros países.

Charlas-coloquio

  • A charla "Defensoras de dereitos. A loita comunitaria das mulleres en Colombia e Nicaragua", a cargo de Georgina de los Ángeles Molina Rivera e Alicia Valencia Cuetia, terá lugar en Vilagarcía de Arousa o 19 de novembro, ás 19.00 horas, no Salón García e tamén en Redondela o 20 de novembro, ás 19.00 horas, na Casa da Cultura.
  • "Violencias sexuais: da denuncia individual á acción colectiva", a cargo de Georgina de los Ángeles Molina e Lola Ferreiro, terá lugar o 21 de novembro, ás 19.00 horas, na Sala Amalia Domínguez Búa de Bueu.
  • "A resistencia de Nicaragua desde o exilio", a cargo de Georgina de los Ángeles Molina Rivera e Tamara Iyas Morales Orozco, desenvolverase en Cuntis o 22 de novembro, ás 19.00 horas, na Biblioteca Municipal Roberto Blanco Torres.

As tres mulleres participantes nas charlas son activistas feministas e defensoras dos dereitos humanos.

Georgina de los Ángeles Molina provén de Nicaragua e é unha psicóloga especialista en tratamento e acompañamento ás vítimas de agresións e abusos sexuais que fuxiu do seu país como consecuencia da represión do Goberno de Ortega.

Alicia Valencia, que é orixinaria do pobo nasa (Colombia), foi compoñente da Asociación de Cabidos Indíxenas e da Garda Indíxena e autoridade indíxena do territorio de Corinto.

Tamara Iyas Morales é unha xornalista nicaraguana (dirixe o blog Ciudalatina) que apoia a plataforma SOSNicaragua España como parte da súa resistencia fronte ás violacións de dereitos humanos cometidas por Ortega.

Actividades complementarias

  • O 24 de novembro terá lugar a feira Comercio con Sentido na praza da Rualeira de Combarro (Poio) entre as 11.00 e as 14.00 horas. O showcooking Cociñando Comercio Xusto na Escola do Campo será ás 12.30 horas.
  • O día 26 de novembro no CEIP Plurilingüe de Chancelas (Poio), ás 10.00 horas, terá lugar o obradoiro infantil Coñecendo o Comercio Xusto a través da Cociña.
  • O 27 de novembro terán lugar en Nigrán as seguintes actividades: a feira Comercio con Sentido será, ás 9.30 horas, no CEIP Arquitecto Palacios e tamén alí, pero ás 12.00 horas, desenvolverase o obradoiro infantil Coñecendo o Comercio Xusto a través da Cociña. Pola súa banda, o showcooking Cociñando Comercio Xusto terá lugar ese mesmo día, ás 10.30 horas, no CEE de Panxón.
  • O 28 de novembro, en Marín, terá lugar a feira Comercio con Sentido no IES Chan do Monte, ás 10.00 horas, e ás 9.10 horas (no mesmo centro) o obradoiro xuvenil Vaia Tea. O showcooking Cociñando con Comercio Xusto será tamén o mesmo día, ás 19.00 horas, no Ateneo Santa Cecilia de Marín.

Actividades