Proxectos europeos

Novas relacionadas

O Concello do Grove continúa coas actividade de fomento da lectura

Nesta ocasión preséntanse novidosas propostas relacionadas co Medio Ambiente e a recuperación das tradicións


23 abril 2018
O Grove
fomento da lectura

Dentro das actividades de dinamización e fomento da lectura que ten posto en marcha o Concello do Grove, ofértanse novidosas iniciativas e actividades que buscan espertar a creatividade e imaxinación dos participantes e que abordan moi diferentes campos e puntos de vista. Deste xeito, dentro das actividades do programa "Coñecendo e disfrutando da Biblioteca" tense posto en marcha un taller para o grupo dos máis pequenos denominado "Contos con Ioga" (remítense imaxes do mesmo).

Ademais, este ano os rapaces e rapazas que participan nos talleres, están achegándose máis aos Grobits e, por suposto, ao medio onde habitan. Actividades relacionadas coa flora e fauna do Monte Central e incluso ensinar aos máis cativos a través do Ioga a coidar a contorna, a importancia da natureza, dos animais e do medio ambiente que nos rodea son os obxetivos destas actividades. Na actividade de Ioga traballouse sobre o conto "O Moucho e a bolboreta" e nel participaron todos os nenas e nenos, xa que a medida que ía avanzando o relato, realizaban distintas posturas de Ioga que escenificaba aos animais, as personaxes e os obxectos do conto. A profesora de ioga Silvia Domínguez foi a encargada de realizar esta actividade.

Xa o vindeiro sábado 28 polo tarde terá lugar a actividade "Obradoiro de Plantas Mediciñais" coa finalidade de que os rapaces e rapazas adquiran coñecementos e habilidades para recoñecer este tipo de plantas autóctonas e aprender as nocións básicas para as súa recolección, secado, conservación e uso. Para realizar esta actividade, os participantes no obradoiro desprazaranse ata Punta Moreiras, onde realizarán un roteiro de plantas mediciñais básicas da zona. Rematarán no Museo da Salga cun obradoiro sobre o uso das plantas e a recuperación das técnicas antigas de preparación de remedios naturais.