Rías Baixas Film Fest

Rías Baixas Film Fest

A Deputación de Pontevedra lanza a marca Rías Baixas Film Fest co obxectivo de identificar e aglutinar os festivais do sector audiovisual da provincia de Pontevedra.

Contar cunha imaxe propia e distintiva daralles a estes certames recoñecemento ante o público e os medios de comunicación e permitiralles avanzar conxuntamente no fortalecemento do sector audiovisual.

A nova marca agrupa os festivais de Cans; Play-Doc; FICBUEU; Festival Again de Cine Inclusivo; Primavera do Cine; Galician Freaky Film; Curtas, Festival do Imaxinario; Novos Cinemas; de Pe Curtas Armadiña.

A Deputación de Pontevedra e as persoas e entidades promotoras dos festivais traballan conxuntamente neste proxecto coa intención de dignificar a cultura da provincia, incrementar a visibilidade dos certames, axudar á profesionalización do sector audiovisual galego e xuntar esforzos para ser máis fortes no relato cultural.

A marca Rías Baixas Film Fest nace no verán de 2020 para fortalecer e relanzar estas grandes citas co cinema, moi ligadas aos seus respectivos territorios e capaces de reunir proxectos, profesionais e historias de moi diversa factura.

Obxectivos que persegue a creación da identidade común Rías Baixas Film Fest

  • Apoio aos festivais audiovisuais da provincia cunha identidade corporativa única
  • Creación dunha identidade e imaxe de promoción para empregar tanto en liña coma en medios impresos ou na propia merchandaxe
  • Garantía de calidade na organización e nos contidos dos festivais
  • Posta en valor de aspectos coma a accesibilidade cultural, a igualdade, a proximidade, o uso da lingua galega ou a propia traxectoria e os premios acadados
  • Participación e presenza da Deputación de Pontevedra nas presentacións e nos actos de promoción  e difusión
  • Promoción por parte da Deputación con campañas publicitarias e accións especiais coma un sorteo de entradas
  • Visibilidade en feiras e eventos culturais e turísticos a nivel autonómico e nacional
  • Aproveitamento de posibles fluxos de público entre festivais
  • Compromiso cos obxectivos marcados na Axenda 2030
  • Cumprimento das medidas e recomendacións hixiénico sanitarias e de seguridade derivadas da COVID-19 segundo a normativa vixente

Datas dos Rías Baixas Film Fest 2020

CANS Do 2 ao 5 setembro
FICBUEU Do 11 ao 19 de setembro
PRIMAVERA DO CINE Do 15 ao 20 de setembro
PLAY-DOC Do 23 ao 27 de setembro
FESTIVAL DE CINE INCLUSIVO Do 13 ao 17 de outubro
GALICIAN FREAKY FILM Do 28 ao 31 de outubro
CURTAS, FESTIVAL DO IMAXINARIO Do 23 de outubro ao 1 de novembro
NOVOS CINEMAS Do 15 ao 20 de decembro

* O Curtas Armadiña non se realizará este ano.

Festivais integrados:

Última modificación: venres, 28 agosto 2020