Roteiros de arquitectura pola provincia de Pontevedra

Roteiros de Arquitectura

A Área de Cultura e Lingua, en colaboración coa Real Academia de Belas Artes, organiza cinco rutas ao redor da arquitectura da modernidade por diferentes puntos da provincia de Pontevedra.

  • 50 prazas por ruta
  • Inscrición previa en roteiros.cultura@depo.gal
  • Indicarase:
    • Nome da ruta
    • Nome da persoa ou persoas que se inscriben
    • Número de teléfono de contacto
  • Reservarase un máximo de catro prazas por persoa
  • Todas as rutas estarán guiadas por Felipe Senén López, membro numerario da Real Academia Galega de Belas Artes
  • Os percorridos faranse na súa maior parte en autobús e serán circulares
  • Todas as rutas terán lugar entre as 10 e as 14 horas

22 de setembro. Lalín–Vila de Cruces

Punto de encontro: diante do monumento a Loriga, Lalín

Neste percorrido pódese contemplar unha mostra da arquitectura de Mansilla e Tuñón en Lalín e as incorporacións escultóricas de Asorey, e coñecer a fonda historia arquitectónica e cultural das terras de Deza: Carboeiro, O Corpiño, o aviador Loriga, o astrónomo Aller e o pintor Laxeiro. Visitarase tamén o poboado mineiro de volframio de Fontao, en Vila de Cruces.

13 de outubro. O Porriño–Mondariz-Balneario (prazas esgotadas)

Punto de encontro: diante da casa do concello do Porriño

Itinerario para afondar nas raíces e biografía de Antonio Palacios, referente na arquitectura durante a primeira metade do século XX. Realizaranse visitas a diferentes edificios construídos por este arquitecto nestes dous concellos.

20 de outubro. Baiona–Panxón, Nigrán (prazas esgotadas)

Punto de encontro: diante da casa do concello de Baiona

Nos anos do Modernismo esta parte da nosa xeografía comezou a súa expansión urbanística. Este polo de atracción turística converteuse en punto de encontro de ilustres personalidades, centrado pola presenza estival do arquitecto Antonio Palacios.

27 de outubro. Vigo (prazas esgotadas)

Punto de encontro: porta do Sol

Este percorrido representa unha antoloxía arquitectónica do século XX, que inclúe os plans urbanísticos na cidade portuaria, no Casco Vello e no ensanche, así como a pegada de arquitectos coma Manuel Felipe Quintana, Jenaro de la Fuente, Michel Pacewicz, Antonio Palacios, Gómez Román, pasando por Bar Bóo ata hoxe.

10 de novembro. Pontevedra (prazas esgotadas)

Punto de encontro: praza da Ferrería

Esta ruta concíbese como un paseo polas inquedanzas culturais da primeira metade do século XX, que nos permitirá adentrarnos no seu sentimento historicista, o dos Rodríguez Sesmero, Xustino Flórez ou Arturo Calvo, e no Modernismo respectuoso coa monumentalidade histórica, para dar paso á filosofía da esencialidade de De la Sota.

Descargas