Marisqueo en Rías Baixas

Rutas de Marisqueo nas Rías Baixas 2018

Debido ás predicións meteorolóxicas,  cámbianse as rutas de marisqueo previstas para este fin de semana, 14 e 15 de abril, para os días 19 e 20 de maio ás 11:30h. As previstas para o 28 e 29 de abril ás 10h mantéñense tal e como estaban

Achegar a experiencia do marisqueo a pé á poboación da provincia e, ao mesmo tempo, sensibilizar sobre a importancia do coidado das nosas rías para garantir a sustentabilidade son os obxectivos das Rutas de Marisqueo nas Rías Baixas que a Deputación de Pontevedra, en colaboración coa asociación de mulleres Amarcarril, acaba de poñer en marcha.

Con esta experiencia búscase transmitir a historia do marisqueo galego ás novas xeracións e inculcar na sociedade un crecente respecto e consideración pola profesión, como garantía para concienciar sobre os problemas que afectan o marisqueo a pé en Galicia: a consideración social, a substitución xeracional, o furtivismo e a contaminación.

No mes de abril realizaranse catro experiencias no Carril (Vilagarcía de Arousa), único lugar de Galicia onde existen e se traballan os parques de cultivo ou viveiros. As catro sesións desenvolveranse nos parques de cultivo da zona da Rosa e cada unha das experiencias será impartida por dúas monitoras e tres mariscadoras, guías do Parque Nacional das Illas Atlánticas, sempre que as condicións o permitan.

As experiencias de marisqueo a pé terán lugar nos días e horarios seguintes:

RUTA DATA INSCRICIÓN
RUTA 1 (11:30 h) 19 de maio de 2018 do 7 ao 16 de maio de 2018
RUTA 2 (11:30 h) 20 de maio de 2018 do 7 ao 16 de maio de 2018
RUTA 3 (10:00 h) 28 de abril de 2018 do 16 ao 26 de abril de 2018
RUTA 4 (10:00 h) 29 de abril de 2018 do 16 ao 26 de abril de 2018

 

  • Rutas gratuítas
  • As persoas participantes deberán traer calzado axeitado para a parte do obradoiro que se desenvolve na auga.
  • O punto de encontro será o miradoiro do Alto da Rosa (PO-548) 102, 36618 O Carril, Vilagarcía de Arousa (fronte á Delegación da Xunta).
  • Inscricións: descarga esta solicitude (pdf) e inscríbete no rexistro xeral da Deputación de Pontevedra
  • Infórmate no teléfono 886210725, Servizo de Medio Ambiente, en horario de 8:00 h a 15:00, de luns a venres ou enviando un correo a medioambiente@depo.es
  • Todas as solicitudes presentadas fóra do prazo de inscrición de cada actividade non se terán en conta
  • Os grupos serán de 25 persoas como máximo
  • As persoas solicitantes deben ser maiores de 12 anos.

Actividades das rutas

  • Charla (duración: 30 minutos)
    Breve historia do marisqueo nos parques de cultivo ou viveiros no Carril e concienciación da problemática que afecta o marisqueo, así como o coidado e respecto ao medio mariño. O marisqueo, labor que desenvolven as mariscadoras para obter un produto de calidade: útiles empregados, roupa de traballo, técnicas, cultivo e especies principais.

  • Obradoiro (duración: 30 minutos)
    As persoas participarán nunha sesión práctica de marisqueo co apoio das mariscadoras, que exercerán de monitoras en todo momento; contarán co material necesario para levar a cabo esta actividade (chuvasqueiro, luvas e restrelos).