Presidenta

Saúdo

Carmela Silva

Amigas e amigos,

A Deputación de Pontevedra traballa cada día para impulsar o desenvolvemento da provincia de forma igualitaria e transparente, sempre da man da veciñanza e en estreita colaboración cos 61 concellos que a compoñen. Con ese obxectivo o noso Goberno ten como premisas ineludibles escoitar e atender a cidadanía a través de todas as canles de comunicación dispoñibles e mellorar a diario como Administración próxima, plural, con atención e servizos de calidade, moderna e comprometida co territorio.

No ano 2015 emprendemos a ilusionante andadura cara a unha Deputación de fiestras abertas e adaptada aos tempos que corren: con novos proxectos, máis e mellores servizos e a defensa inquebrantable da igualdade en todos os eidos. Hoxe continuamos esa senda coa mesma ilusión e forzas renovadas, sen ceder un ápice no noso compromiso decidido de traballar arreo pola prosperidade da provincia ao lado de todas e todos vós.

Estamos a apostar a fondo por unha Administración do século XXI, con múltiples canles de comunicación coa cidadanía, unha linguaxe acorde aos tempos, o uso das novas tecnoloxías e unha imaxe moderna e innovadora. Queremos facilitar a prestación dos servizos, manter un diálogo permanente, escoitar, interactuar e recoller as ideas, propostas e proxectos que nos formulades. E queremos tamén atender todas as suxestións e demandas para darlles resposta e mellorar cada día.

A nosa páxina web institucional é unha ferramenta moi útil para acadar este obxectivo. Unha fiestra amigable, moderna e intuitiva coa que queremos poñer á vosa disposición toda a información que precisades sobre a Administración provincial, facilitar ao máximo os vosos trámites e xestións e tomar nota das vosas inquedanzas.

Gustaríame darvos a benvida a esta web institucional e anímovos a consultala e usala, porque é un instrumento que nos axuda na tarefa de construír unha Deputación mellor e máis próxima. A facer, entre todas e todos, a Deputación que queres.

Carmela Silva Rego

Última modificación: mércores, 14 agosto 2019