Sede de Vigo

Nova Sede de Vigo da Deputación de Pontevedra

 

A Deputación de Pontevedra reforza a súa presenza no sur da provincia. O día 31 de xaneiro inaugura a súa nova sede no corazón do Casco Vello de Vigo, que estará plenamente operativa a partir do luns 3 de febreiro.

A institución provincial ocupará un edificio rehabilitado no número 17 da rúa Eduardo Chao, ao que se trasladarán os servizos de atención á cidadanía e Rexistro que se prestaban na rúa do Porto. Tamén se recolocarán neste novo emprazamento as charlas e cursos de formación da oficina SmartPeme de Vigo.

Aproveitarase este cambio de localización para inaugurar unha nova etapa da institución caracterizada pola súa maior presenza na urbe olívica. A intención é reforzar lazos coa cidadanía e os colectivos sociais da zona sur de Pontevedra abrindo as portas do novo edificio a público de todas as idades.

A sede de Vigo da Deputación de Pontevedra deixará de ser un espazo meramente administrativo para converterse nun potente axente de dinamización cultural. Contará cun amplo catálogo de salas nas que se programarán exposicións e actividades propias, e que tamén se poñerán ao dispor das entidades da provincia para reunirse, organizar conferencias ou realizar cursos de formación.

"Un espazo para a cidadanía"

"A nova sede ten un enorme potencial que transforma por completo a nosa presenza en Vigo e por iso queremos convertela nun marabilloso espazo para a cidadanía", resumía a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o día en que se anunciou o acordo de cesión do edificio por parte do Concello de Vigo.

Coa súa presenza na rúa de Eduardo Chao, a Deputación de Pontevedra quere contribuír á recuperación definitiva do centro histórico da cidade e a potenciar a programación cultural de Vigo, dando cabida no inmoble a todo tipo de expresións artísticas e a actividades realizadas en colaboración co tecido asociativo, o sector empresarial, a comunidade universitaria ou colectivos que traballan para garantir os dereitos sociais.

Ao servizo do talento feminino da provincia

As novas instalacións entrarán en funcionamento o día 3 de febreiro e serán unha ferramenta máis da Deputación de Pontevedra para avanzar no seu compromiso de visibilizar o talento feminino da provincia, recuperando figuras históricas silenciadas e poñendo en valor o traballo de mulleres que son referentes contemporáneos.

Na programación de actividades da nova sede estará presente, por exemplo, a Cátedra de Feminismos 4.0 na que se colabora coa Universidade de Vigo e a Escola de Igualdade María Vinyals, entre outros moitos programas provinciais como os vinculados á mocidade ou a promoción do deporte de base.

Servizos e horarios da sede

Rexistro e atención á cidadanía: de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas

Oficina do Oral (xestión tributaria e catastral): de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas

Oficina SmartPeme:

  • Horario de inverno: de luns a venres, de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 19.00 horas
  • Horario de verán (agosto): de luns a venres, de 9.00 a 14.30 horas

Salas: horario amplo pendente da publicación dunha ordenanza de usos

Salas ao dispor da cidadanía

Unha das grandes novidades da nova sede da Deputación de Pontevedra en Vigo é a posta ao dispor do público dun amplo catálogo de salas para promover a actividade asociativa e facilitar a organización de cursos, charlas e encontros sociais.

Todas levan nome de muller, coa intención de recuperar a memoria de referentes femininos cuxa contribución ao desenvolvemento da ciencia, a arte ou a consecución de dereitos sociais foi invisibilizada e, ao mesmo tempo, axudar a valorar na súa xusta medida a contribución á sociedade actual de figuras contemporáneas que están a romper as barreiras da desigualdade.

Sala principal Rosalía de Castro

É o espazo principal da planta baixa. Ten unha superficie sobre plano de 195 m2 e está pensada para acoller exposicións da propia Deputación de Pontevedra e darlles cabida a mostras e eventos organizados por outras entidades. A elección do nome da escritora que botou luz sobre as letras galegas xustifícase soa, pero ten ademais que ver coa proximidade física da nova sede da Deputación de Pontevedra en Vigo ao número 12 da Rúa Real, onde estaba a imprenta que editou a primeira edición de Cantares gallegos.

Sala de prensa Susana Rodríguez Gacio

A sala de prensa vinculada á actualidade informativa dedicóuselle á paratriatleta viguesa Susana Rodríguez Gacio, referente actual do deporte galego e nacional, que participou nos Xogos Paralímpicos de Rio de Janeiro en 2016 e que agora mesmo se está preparando para Tokio 2020. Foi beneficiaria dunha bolsa Depo-Dan da Deputación de Pontevedra para deportistas de alto rendemento e é tamén un referente fóra das pistas, xa que se converteu na primeira afiliada da ONCE en Galicia, e unha das primeiras de España, en estudar Medicina. É todo un exemplo de superación.

Sala de exposicións Maruja Mallo

A pintora surrealista daralle nome ao espazo de exposicións da nova sede de Vigo da Deputación. Unha muller libre, independente e adiantada ao seu tempo que rompeu con todas as barreiras e desigualdades do sector ata situarse como unha das figuras máis representativas da xeración do 27 e un dos grandes expoñentes internacionais do surrealismo figurativo. Abriulles camiño a moitas artistas posteriores e quíxose recuperar o seu papel como pioneira e impulsora da arte galega no mundo.

Sala de I+D+i Ángeles Alvariño

Este espazo dedicado á formación honrará a figura da primeira oceanógrafa galega, Ángeles Alvariño, experta en zooplancton que descubriu 22 novas especies. Neste caso quíxose homenaxear unha pioneira do mundo da ciencia e unha muller de carácter loitador que grazas ao seu incansable traballo se converteu nunha das máis prestixiosas investigadoras mariñas mundiais do século XX. Co seu exemplo quérese inspirar ás mozas da provincia de Pontevedra para que elixan disciplinas STEM.

Aula multiusos Rosario Hernández Diéguez

A memoria xoga outro papel importante nos nomes elixidos para os espazos da sede. A Deputación dedícalle a aula multiusos á moza viguesa coñecida como a Calesa, que gañaba a vida vendendo periódicos na rúa do Príncipe e foi asasinada polos fascistas en 1936. Matárona para tentar silenciar a voz de todas as mulleres rebeldes, comprometidas e solidarias desta difícil etapa, e agora a institución provincial volve nomeala para que a súa historia non caia no esquecemento.

Zona de proxeccións Dorotea Bárcena

De novo a elixida é unha figura contemporánea, unha muller comprometida coas loitas sociais e que sempre traballou a favor dos dereitos das mulleres. Actriz, dramaturga, directora de escena e activista feminista, Dorotea Bárcena foi tamén a primeira muller en dirixir o Centro Dramático Galego. En 1964 formou parte do primeiro grupo de catro mestras que daban clase nos Xesuítas de Vigo, rompendo coa tradición de que só os homes exercían a docencia. Axudou a organizar as tres primeiras edicións das Xornadas de Teatro de Vigo e dedicoulles os seus últimos anos ao audiovisual, converténdose nun dos rostros máis populares da televisión galega.

Última modificación: martes, 18 febreiro 2020