Imaxe representativa do tema Turismo, comercio e consumo

Conxuntos histórico-artísticos

  • Agolada

    Agolada

    Os mercados eran antigamente centros esenciais da vida comunitaria e mesmo influían na organización dos pobos da zona na que se enmarcaban. É o caso dos restos conservados do mercado popular de Agolada, un espazo creado para o ritual do troco, a compravenda, o regateo e o encontro veciñal. Trátase dunha construción eminentemente práctica, sen ornamentación, levantada cunha técnica de eficaz sinxeleza. O mercado estrutúrase en alpendres con grandes mostradores e bancos corridos, de uso cómodo e rápido para o día da feira. A armazón foi reconstruída, a pesar de que case desaparece nos anos 70.

  • Cambados

    Cambados

    Un dos principais monumentos de Cambados é a praza de Fefiñáns, asentada nun conxunto do século XVI formado polo pazo, o arco-ponte, unha atalaia-miradoiro, coñecida como a torre da Homenaxe, e a igrexa de San Bieito do século XVII. Trátase dunha praza empedrada de incomparable beleza.
    Nas inmediacións atópase o pazo de Bazán, rodeado de preciosos xardíns, actualmente habilitado como Parador. No interior, na parte alta da vila, atopamos as ruínas da igrexa de Santa Mariña de Dozo (século XVI), que conserva os arcos tallados con bólas, peregrinos e representacións dos vicios. Cambados ten tamén unha orixe mariñeira que se pode apreciar nas pequenas vivendas típicas, coma a Casa-Museo de Ramón Cabanillas e as casas do barrio de San Tomé, onde as rúas desembocan no mar. Aquí pódese ver a torre de San Sadurniño, unha fortificación de orixe medieval destruída tras os ataques normandos.

  • Combarro

    Combarro

    Combarro é un pobo con raíces mariñeiras situado fronte á illa de Tambo. A zona antiga, en perfecto estado de conservación, é unha armazón de quellas empedradas dispostas ao redor das rúas de San Roque e A Rúa, unha estrutura urbana que data do século XVIII. Conta con pequenas prazas con encanto e humildes casas mariñeiras, con delicados traballos de cantería coma balcóns de gusto barroco inspirados na arquitectura dos pazos. O conxunto histórico ten a súa máxima expresión na arquitectura popular representada nos máis de 20 hórreos que aínda conserva, un dos maiores conxuntos de Galicia e coa singularidade da súa localización costeira. O seu nome local é "palleiras", denominación que lembra as antigas cubertas de palla que presentaban. Tamén destacan os numerosos cruceiros repartidos entre as rúas.

  • Pontevedra

    Pontevedra

    O conxunto histórico da cidade encádrase dentro do antigo recinto amurallado. Un dos seus principais elementos son as ruínas do convento de San Domingos, cuxo esqueleto externo acolle algunhas pezas arqueolóxicas. Moi preto atópase a basílica de Santa María a Maior, da que destaca a portada plateresca de excelente talla, mandada construír polo Gremio de Mareantes no século XV. A zona antiga hai que descubrila ao paso, prestando atención ao nome das rúas e a singulares espazos entre casas populares e de avoengo. Son numerosas as prazas do conxunto histórico. Destacan a praza da Ferrería, praza da Leña, praza do Teucro e praza da Verdura, onde están tres dos edificios que alberga o Museo de Pontevedra. Preto atópanse as igrexas de San Bartolomeu, San Francisco e A Peregrina, relacionada co Camiño Portugués a Santiago de Compostela, ou o convento de Santa Clara.

  • Vigo

    Vigo

    Vigo conserva a memoria do seu pasado mariñeiro no barrio do Berbés, cos seus característicos soportais de vivendas mariñeiras. Alí atopámonos con espazos suxestivos coma a rúa dos Cestos e construcións coma a colexiata e concatedral de Santa María, os pazos de Figueroa ou Arines. Outro punto importante do centro histórico é o coñecido como Mercado da Pedra, un dos grandes reclamos turísticos da cidade e lugar típico de degustación de ostras.
    O percorrido monumental da cidade iníciase na Porta do Sol. Moi preto, nas rúas Urzáiz, Colón, Príncipe ou Policarpo Sanz, atopamos arquitectura eclecticista coma a Casa de Bonín, obra de Jenaro de la Fuente, o Teatro García Barbón, de Antonio Palacios, ou o antigo Concello, habilitado como Casa da Cultura Galega.

  • Baiona

    Baiona

    O conxunto histórico atópase no centro do municipio e ocupa un círculo case pechado. Ten tres entradas: pola praza de Santa Liberata, pola praza do Padre Fernando e desde o cruceiro da Trindade.
    Nunha estratéxica situación álzase o castelo de Monte Real, do século X, unha impresionante edificación localizada nun outeiro situado nunha bela paisaxe. Na súa estrutura quedan patentes dúas épocas: a medieval e a que abarca desde o Renacemento ata o século XVIII. Destacan as súas tres torres: a torre do Príncipe, a torre da Terraza e a torre do Reloxo.
    As rúas empedradas do conxunto mostran numerosas casas señoriais e templos coma a colexiata de Santa María (s. XIII). Nunha das entradas da vila sitúase un dos cruceiros máis destacados: o da Trindade (s. XV).

  • Tui

    Tui

    Dentro da gran riqueza monumental de Tui destacan os restos da muralla do século XII, levantada para defender a cidade. O conxunto de rúas estreitas con soportais sitúase ao redor da catedral-fortaleza, unha construción de estilo románico e oxival, na que se atopa o Museo Catedralicio. Outros referentes culturais e turísticos son o convento das Encerradas, a capela de San Telmo, único exemplar do barroco portugués en Galicia, a igrexa de Santo Domingo e o convento de San Francisco.
    Merece unha mención especial a ponte internacional sobre o río Miño, pola que cruzan todos os que peregrinan a Santiago a través do Camiño Portugués.

Última modificación: luns, 21 marzo 2016