Semana Santa nas Rías Baixas

Festas de interese turístico

Festa da Lamprea

Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, celébrase do 22 ao 24 de abril e vai acompañada de actuacións musicais e da feira Arbomostra, unha exposición comarcal de temática agroindustrial e artesanal. É unha das festas gastronómicas máis antigas da comunidade, xa que a súa primeira edición data de 1961. A degustación ten lugar nunha carpa, habilitada para esa finalidade, na que os asistentes poden probar a especialidade local, a lamprea á bordelesa ou "ao estilo de Arbo", cociñada no seu sangue e acompañada de arroz. Este exquisito manxar tamén se serve en empanada, frita e rechea.



Festa do Requeixo e o Mel

Cada ano a Semana Santa vístese de branco nas Neves coa celebración da Feira do Requeixo e o Mel, que sempre ten lugar en Venres Santo.
Ese día unha multitude de postos ofrécenlles aos visitantes produtos típicos da zona, artesanía, ferramentas e todo o que se pode esperar dunha feira. O delicioso requeixo, un queixo fresco tradicional da zona, degústase acompañado do mellor mel de elaboración local e dos viños tintos de Rubiós (da Denominación de Orixe Rías Baixas), producidos nunha parroquia do propio concello das Neves. A celebración deste ano ten lugar o 25 de marzo e inclúe actuacións musicais e actividades infantís.

Última modificación: luns, 21 marzo 2016