Imaxe representativa do tema Turismo, comercio e consumo

Parque Nacional das Illas Atlánticas

O Parque Nacional das Illas Atlánticas está formado por catro arquipélagos (Cortegada, Sálvora, Ons e Cíes) e o espazo marítimo que os rodea. En conxunto, presenta unha extensión de máis de 8 .000 hectáreas, das cales 1.000 son terrestres e 7.000 marítimas. Entre as súas principais particularidades atópanse a súa flora, a súa fauna, o seu fermoso patrimonio natural e o singular patrimonio cultural, xa que algunhas illas estiveron poboadas ata o século XX.

O parque alberga unha importante colonia de aves mariñas, entre as que destacan os corvos mariños cristados, os araos dos cons e as choias, ademais de numerosos invertebrados, tartarugas, focas e un gran número de cetáceos coma golfiños, baleas e cachalotes. Tamén é un espazo rico en flora, con multitude de especies vexetais e algas mariñas.

A paisaxe destaca pola presenza de cantís, matogueiras costeiras atlánticas e submediterráneas, sistemas de dunas e espectaculares praias con diversos fondos mariños. Forman parte do seu patrimonio cultural antigas ermidas, castros, faros e un pecio.

A súa beleza converteu estas illas en protagonistas de relatos de Xulio Verne e de innumerables lendas.

Illas Cíes, un paraíso na ría de Vigo

Alcumadas por Ptolomeo como as illas dos Deuses, por Plino como as Siccas, e identificadas por moitos como as míticas Casitérides de Herodoto, onde fenicios e cartaxineses se provían de estaño, están situadas no corazón das Rías Baixas. Contan con areais de gran beleza, coma a praia de Rodas, considerada polo diario británico The Guardian como unha das mellores praias do mundo.







Illas Ons, na ría de Pontevedra

O arquipélago está formado pola illa de Ons, ao norte, a illa de Onza, ao sur, e pequenos illotes. Ons conta cun pequeno núcleo rural costeiro, no que os hórreos aínda conservan as escasas colleitas que se cultivan na illa. Dispón, ademais, dun centro de atención ao visitante e conta con rutas sinalizadas.




 

Illa de Cortegada, na ría de Arousa

Situada na desembocadura do río Ulla, trátase dunha pequena illa repleta de loureiros. Conta cun pequeno pobo deshabitado cunha ermida consagrada á Virxe dos Milagres, de 1652, que noutro tempo atraía numerosos peregrinos polas súas bondades curativas. A illa pódese percorrer a través de rutas circulares.




 

Última modificación: xoves, 02 maio 2019