Semana Santa nas Rías Baixas

Ruta da camelia

  • castelo de Soutomaior

    Castelo de Soutomaior

    Aínda que o nacemento do castelo de Soutomaior data da época de Alfonso VII, no século XII, a alta cota de poder do castelo chega con Pedro Madruga, un cabaleiro feudal que recibe este nome pola hora na que axustizaba os seus inimigos. Algunhas das camelias do castelo de Soutomaior poden considerarse as máis antigas da provincia de Pontevedra. Así, no castelo enraizaron camelias no século XIX e a principios do século XX de exemplares das especies Camellia japonica, Camellia reticulata, Camellia sasanqua, Camellia saluenensis ou Camelia williamsii. Nas 25 hectáreas de xardín atópanse as dúas árbores de camelia de maior perímetro de Galicia (8 x 4,5 m e 8 x 4,1 m).

  • Pazo de Oca

    Pazo de Oca

    É o máis antigo dos pazos galegos. Coñecido como "o Versalles galego" e declarado monumento histórico-artístico, constitúe un fiel reflexo da sociedade da época. Dentro do conxunto distínguense tres elementos principais: a igrexa-capela, con dúas torres unidas ao pazo a través dunha ampla balconada de estilo barroco; o propio pazo, do mesmo estilo, no que destacan unha torre de planta rectangular con ameas e varios brasóns; e os xardíns, formados por un conxunto de sebes, balaustradas e pontes. Os seus espectaculares xardíns están repletos de camelias, con diversos conxuntos botánicos e máis de 200 especies diferentes.

  • Pazo Quiñones de León

    Pazo Quiñones de León

    O pazo Quiñones de León ou pazo de Castrelos, edificado sobre a antiga torre de Lavandeira (do século XVII), actualmente alberga o Museo Municipal de Vigo. Conta cun parque e unha zona arborada. O xardín, de 20,5 hectáreas, divídese en catro sectores: xardín de acceso, roseira, xardín francés e xardín inglés. A carón do pazo atópase unha das camelias máis antigas de Galicia, coñecida como a camelia "Matusalén".

  • Xardíns do Pazo provincial

    Xardíns do Pazo provincial

    Descoñécese a procedencia das camelias que rodean o Pazo provincial, aínda que se sabe que os xardíns se realizaron entre 1891 e 1903. Crese que estas plantas puideron chegar do Porto, dos viveiros da Real Compañía Hortícola-Agrícola Portuense, creados en 1890. Nestes xardíns podemos apreciar 16 exemplares diferentes de Camellia japonica.

  • Pazo de Lourizán

    Pazo de Lourizán

    O pazo de Lourizán está situado entre as poboacións de Pontevedra e Marín. É unha edificación de estilo modernista, construída a principios do século XIX e deseñada polo famoso arquitecto Genaro de la Fuente. O pazo conta con 54 hectáreas de xardín, leira e arboredo. Os espécimes máis antigos de camelia datan do século XIX. Na subida ao pazo e na zona do xardín existen máis de 600 exemplares de Camellia japonica de distintos cultivares.

  • Pazo de Rubianes

    Pazo de Rubianes

    O pazo de Rubianes, do século XVIII, conta con camelias de varias especies coma Camellia sasanqua, Camellia reticulata e Camellia japonica; algunhas delas galardoadas cos premios de Camelia de Ouro e Camelia de Prata nas distintas edicións do Concurso-Exposición Internacional da Camelia.

  • Finca de la Saleta

    Finca da Saleta

    A finca da Saleta atópase a 15 minutos de Vilagarcía de Arousa . A súa orixe remóntase ao ano 1721. Neste xardín destacan os exemplares de Camellia caudata, Camellia chrysanta, Camellia cuspidata, Camellia lutchuensis, Camellia oleifera, Camellia saluenensis, Camellia sinensis, Camellia reticulata, Camellia japonica e Camellia sasanqua.

  • Pazo Quinteiro da Cruz

    Pazo Quinteiro da Cruz

    O pazo Quinteiro da Cruz está situado en pleno val do Salnés, no concello de Ribadumia. O edificio constitúe un fermosísimo exemplo de arquitectura neoclásica señorial galega, que data do século XVIII. A propiedade, de sete hectáreas, posúe un pequeno bosque con diferentes especies centenarias, unha sebe e un xardín labiríntico de camelias, así como adegas e viñedos. Nos xardíns, dun alto interese botánico e ornamental, as camelias son as verdadeiras protagonistas, cuns 5.000 exemplares de máis de 1.500 variedades de especies diferentes.

Última modificación: venres, 18 marzo 2016