Semana Santa nas Rías Baixas

Semana Santa de interese turístico

Semana Santa en Cangas

A Semana Santa de Cangas constitúe unha solemne celebración de renome en toda a provincia. Historicamente consolidada, goza dun grande arraigamento, do que dá mostra a alta participación popular que rexistra. A vistosidade das súas procesións, o realismo das representacións e a sensibilidade e o sentimento dos fieis fan desta celebración unha experiencia de alto valor espiritual e estético. Son numerosos os encontros relixiosos que se suceden nestas datas polas rúas da localidade. Tallas impresionantes e articuladas que destacan polo seu tamaño e decoración van precedidas polo paso dos penitentes encapuchados. A vila conta, por outra banda, cun fermoso patrimonio natural que merece a pena visitar, do que destaca a fermosa praia de Barra, as espectaculares vistas das illas Cíes desde Cabo Home e a fervenza do río Bouzós.

Semana Santa en Paradela, Meis

 

En Santa María de Paradela celébrase, desde hai máis de dous séculos, unha Semana Santa viva, na que se escenifica a Paixón, Morte e Resurrección de Cristo. Comezan as representacións o Domingo de Ramos coa entrada triunfal de Xesús no templo montado nun burro e acompañado polos seus apóstolos. O Xoves Santo represéntase a Última Cea e, contra a media noite, reprodúcese o lavatorio de pés, a bendición do pan e do viño e a traizón de Xudas. A continuación, os actores desprázanse ao Monte das Oliveiras, no que Xesús será prendido e posteriormente xulgado por Caifás. A representación máis espectacular ten lugar o Venres Santo; durante a mañá ten lugar o xuízo e a subida cara ao monte, no que terá lugar a crucifixión de Xesús. A xornada finaliza, xa entrada a noite, co desencravo e a procesión do Santo Enterro desde o monte ata a igrexa parroquial.O Domingo de Resurrección ao mediodía represéntase a falta de Xesús no sepulcro e dáse por finalizada a Semana Santa cunha verbena.

Última modificación: luns, 21 marzo 2016