Semana Santa nas Rías Baixas

10 plans nas Rías Baixas

A Semana Santa é tempo de romper coas rutinas e emprender viaxes; viaxes espirituais, que nos levan a explorar o noso interior, e tamén viaxes a outros lugares, para descubrir paisaxes que aínda non vimos, volver visitar lugares queridos ou vivir tradicións que nos axuden a entender mellor o mundo no que habitamos. A primavera ábrese paso e a provincia de Pontevedra ofrécenos moitas posibilidades para gozala.

 

  1. Semana Santa de interese turístico
    Nas Rías Baixas existen dúas celebracións de Semana Santa recoñecidas co distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia. Trátase das representacións de Cangas e Meis, que atraen cada ano centos de persoas polo seu valor artístico, relixioso e cultural.
  2. Festas de interese turístico
    No calendario festivo de Semana Santa non podían faltar as exaltacións gastronómicas, tan propias da cultura popular. Resaltamos dúas delas: a dedicada á lamprea, en Arbo, e ao requeixo e o mel, nas Neves.
  3. Espazos relixiosos das Rías Baixas
    Unha proposta para coñecer os templos máis fermosos da provincia, desde a catedral de Santa María de Tui ata os principais mosteiros.
  4. Parque Nacional das Illas Atlánticas
    As navieiras programan en Semana Santa rutas especiais para visitar o Parque Nacional das Illas Atlánticas, un ecosistema natural único no mundo e ao alcance de todos.
  5. Camiño de Santiago: unha historia por descubrir
    A Santiago pódese peregrinar a través de diversos camiños. Polas Rías Baixas discorren cinco rutas que nos convidan a descubrir con novos ollos paisaxes próximas.
  6. Xacementos da provincia de Pontevedra
    Unha viaxe ao pasado que nos leva a visitar desde xacementos amplamente coñecidos coma o de Santa Trega, na Guarda, ata outros recentemente escavados, coma o de Monte do Castro, en Ribadumia.
  7. Visitas guiadas no Museo de Pontevedra
    Con motivo da celebración da Semana Santa o gabinete didáctico do Museo de Pontevedra incrementa a súa oferta de visitas guiadas para todos os públicos.
  8. Arquitectura contemporánea nas Rías Baixas
    Unha proposta que nos leva a coñecer a arquitectura máis vangardista da provincia, con emblemáticas obras de arquitectos de renome.
  9. Conxuntos histórico-artísticos
    Unha viaxe aos cascos antigos mellor conservados das Rías Baixas.
  10. Ruta da camelia  
    As camelias nas Rías Baixas decoran os xardíns dos pazos durante os días de inverno. A beleza dos exemplares de camelia que podemos atopar nestes recintos fai posible falar dunha ruta da camelia.  

 

Última modificación: luns, 21 marzo 2016