Voando nas Rías Baixas

Excursión para a observación de aves na Serra do Suído

Serra do Suído (A Lama, Fornelos de Montes e Covelo)

Serra do Suído (A Lama, Fornelos de Montes e Covelo)

Sistema montañoso da provincia de Pontevedra de alto valor ecolóxico, mítico pola presenza do lobo ibérico e de aves rapaces.

A serra do Suído caracterízase polos altiplanos nos que abundan os pasteiros e o monte baixo de queirogas, toxos e carqueixas. As partes baixas da serra teñen fermosos vales, cursos de auga e bosques autóctonos.

Na primavera e no verán os seus espazos abertos son ideais para que os sobrevoen grandes rapaces coma o impresionante voitre leonado, a aguia calzada, o abelleiro europeo, a aguia cobreira ou o miñato. Sobre as pendentes de monte baixo campean a tartaraña cincenta e a gatafornela. Así mesmo, é territorio do lagarteiro común e do falcón peregrino. E non faltan o picanzo vermello, o tordo charlo e demais paxariños propios destes hábitats.

Recomendacións, material e asistencia

  • A roupa debe ser cómoda e o calzado apropiado para moverse polo campo. É importante levar protector solar
  • As excursións estarán conducidas por 2 guías ornitolóxicos de SEO/BirdLife de Pontevedra e con experiencia e coñecementos contrastados
  • Por ser unha actividade sensible de avistamento de fauna na natureza os grupos non deben ser moi numerosos, como máximo de 25 persoas
  • Material óptico: cada participante terá á súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas
  • Material didáctico: achegarase unha guía de aves para cada participante na excursión
  • Notas: recoméndase que todas aquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo os leven

Última modificación: Monday, 14 January 2019