Dereito de acceso á información pública

Acceso á información pública

Enténdese por información pública os contidos ou documentos, en calquera formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno e que fosen elaborados ou adquiridos no exercicio das súas funcións. Así mesmo, considerarase información pública a producida polas entidades que presten servizos públicos ou exerzan potestades administrativas nos termos previstos no artigo 4 da Lei 1/2016.

A través desta canle pode exercer o dereito de acceso á información pública que obre en poder da Deputación de Pontevedra e fose elaborada ou adquirida no exercicio das súas funcións.

O dereito de acceso poderá ser limitado cando acceder á información supoña un prexuízo para os ámbitos sinalados no artigo 14 da Lei 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno. Entre as materias nas que a subministración de información estaría limitada atópanse as relacionadas coa seguridade nacional, a defensa, as relacións exteriores e a seguridade pública. Este dereito só poderá ser limitado ou denegado nos supostos previstos na normativa básica. Naqueles casos nos que a aplicación dalgunha limitación non afecte á totalidade da información, e sempre que sexa posible, concederase o acceso parcial, omitindo a información afectada pola limitación, agás que a información resultante sexa equívoca ou carente de sentido.

Formalización do acceso

O acceso á información poderá realizarse a través da sede electrónica da Deputación de Pontevedra mediante o formulario normalizado ou, en caso de non dispoñer dun certificado electrónico admitido pola sede, a través do formulario correspondente.

A solicitude resolveraa o servizo competente na materia da información solicitada. A resolución e a súa notificación efectuaranse no prazo máximo dun mes desde a entrada da solicitude, prazo que se pode ampliar por outro mes previa notificación á persoa solicitante por razón do volume ou pola complexidade da información solicitada. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen recibir a correspondente notificación entenderase que a solicitude foi desestimada (silencio administrativo negativo).

Taxas

O acceso á información será gratuíto. Non obstante, a obtención de copias e a transposición a formatos diferentes do orixinal poderán estar suxeitas ao pagamento das taxas.

Normativa aplicable