Viveiros de empresas de Barro-Meis e Lalín

Vivero de empresas de Barro

O viveiro de empresas de Barro foi inaugurado o 25 de febreiro de 2016 pola presidenta da Deputación de Pontevedra, M.ª del Carmen Silva Rego. A súa posta en marcha foi posible grazas á sinatura dun convenio entre a Deputación de Pontevedra e a Fundación INCYDE, en abril de 2013, para a construción e o acondicionamento de dúas naves destinadas á creación de viveiros de empresas: unha no polígono industrial de Barro e outra no polígono Lalín 2000. Estas actuacións financiáronse cunha axuda do 80 % que a institución provincial recibiu da Fundación INCYDE, concedida polo FEDER, dentro do Eixe 2 do Programa Operativo FEDER Galicia 2007-2013.

Os viveiros de empresas son unha estrutura de acollida temporal de empresas pensada para introducilas no mercado, acompañalas e prestarlles determinados servizos adaptados ás necesidades de cada proxecto empresarial coa finalidade de, mediante unha xestión sen ánimo de lucro, facilitar o desenvolvemento de iniciativas económicas de interese para a provincia. Constitúen uns espazos físicos nos que, combinando a oferta de locais e a prestación doutros servizos, a Deputación de Pontevedra, como responsable da súa administración e xestión por un tempo mínimo de 15 anos desde a súa posta en funcionamento, cubrirá as necesidades básicas de pequenas e medianas empresas e permitirá mellorar as súas expectativas nos primeiros pasos do seu ciclo de vida.

O viveiro de empresas de Barro conta con 16 naves, cunha superficie variable de entre 54,75 m2 e 111,10 m2; 24 oficinas, cunha superficie variable de entre 18 m2 e 25 m2; e catro salas de xuntas de 37 m2 (tres delas destinadas a espazos coworking) e de uso común, dotadas de infraestruturas de iluminación, auga, electricidade, internet e zonas comúns.

A estancia das empresas nas instalacións comeza coa sinatura dun convenio coa Deputación de Pontevedra polo prazo dun ano, que poderá prorrogarse anualmente ata en dúas ocasións. O tempo máximo de permanencia é de tres anos.

A parcela na que se localizan as instalacións ten unha superficie total de 5.136,65 m2 e o edificio destinado ao viveiro de empresas conta cunha superficie construída de 2.288,80 m2.