Viveiros de empresas de Barro-Meis e Lalín

Servizos do viveiro de empresas de Lalín

Administración

O viveiro de empresas é atendido de luns a venres, en horario ininterrompido de 8 a 22 horas, por persoal da Deputación, que se encarga da atención ao público e de que as necesidades dos viveiristas estean cubertas durante o horario de funcionamento das instalacións.

Rede SmartPeme

A iniciativa SmartPeme consiste nunha rede de puntos nas diferentes comarcas da provincia de Pontevedra, atendidos por asesores cualificados en materia TIC, nos que se prestará un servizo de información e asesoramento presencial e personalizado sobre as TIC (tecnoloxías da información e comunicación) co obxectivo de mellorar a competitividade empresarial.

Os servizos de SmartPeme están destinados a autónomos, micropemes da provincia de Pontevedra e empresas en xeral. Este colectivo engloba máis de 64.000 pequenas empresas e constitúe máis do 92 % do tecido empresarial da provincia. O punto SmartPeme de Lalín proporcinaralle asesoramento á súa área de influencia.

Proxecto "Millennials"

A Deputación de Pontevedra, consciente da realidade económica e empresarial da provincia, fomenta a cultura emprendedora e o desenvolvemento de novos proxectos empresariais. Con esta finalidade a Deputación impulsa actuacións que favorezan o desenvolvemento de novos proxectos empresariais, mediante o apoio ao fomento do traballo por conta allea en mozas e mozos.

Vista a coincidencia nos obxectivos coa Fundación EOI, no marco dos seus fins e competencias, ambas entidades consideran de interese establecer unha colaboración para o desenvolvemento conxunto de accións dentro do Programa Operativo de Emprego, Formación e Educación, no marco do Fondo Social Europeo (FSE).

Por canto antecede, as partes asinantes subscriben o 4 de decembro de 2017 un convenio de colaboración para o desenvolvemento dun programa formativo para o fomento do emprego en persoas mozas.

Mediante este proxecto conseguirase:

  • A activación das persoas mozas non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, que permita a súa incorporación ao mercado laboral
  • Reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais das personas mozas non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación    

O proxecto "Millennials" para o fomento do traballo por conta allea contempla o seguinte itinerario:

  • Programa de adaptación ao emprego: formación práctica en habilidades e en coñecementos técnicos en áreas demandadas polo mercado laboral da rexión
  • Axudas á contratación durante 6 meses

As e os participantes nos programas deberán cumprir os seguintes requisitos:

  • Ter entre 16 e menos de 30 anos (ou a idade límite que no seu momento poida establecer o Sistema Nacional de Garantía Xuvenil), estar en situación de desemprego e inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil
  • Preferentemente, ser da provincia de Pontevedra
  • Superar o proceso de selección

Ademais, destinaranse a aquelas persoas que, cumprindo os requisitos anteriores, teñan o desexo de mellorar as súas habilidades e capacidades para incorporarse ao mercado laboral por conta allea.