Voando nas Rías Baixas

Voando nas Rías Baixas

A Deputación de Pontevedra, no marco do Plan estratéxico de turismo 2017-2020, vai desenvolver distintas accións de sensibilización da poboación da provincia sobre os nosos recursos culturais e naturais.

A paisaxe e a natureza constitúen un recurso turístico de primeiro nivel no destino Rías Baixas e a ornitoloxía é unha actividade que atrae a un numeroso público nacional e internacional.

Por iso, temos o deber e a responsabilidade de conservar o medio natural, xa que en moitos casos está en perigo, como acontece cun gran número de aves que aniñan, viven e viaxan polo noso territorio.

Na provincia de Pontevedra contamos con importantes emprazamentos nos que observar aves singulares durante as distintas estacións do ano.

Esta actividade ten unha dobre finalidade: concienciar a poboación sobre a conservación dos recursos naturais e achegarlle á cidadanía pontevedresa unha actividade turística diferente.

As afeccionadas e afeccionados á ornitoloxía, as persoas amantes da natureza e todas aquelas interesadas poderán participar nestas rutas coordinadas pola asociación SEO/BirdLife.

Excursións 2020 para observación de aves:

 

Serra do Suído (A Lama, Fornelos de Montes e Covelo)

Serra do Suído - Voando nas Rías Baixas

Día da actividade: 6 de setembro de 2020
Prazo de inscrición: do 28 de agosto a partir das 9:00 ao 3 de setembro de 2020

Lugar  de encontro: Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra
Hora de encontro: 9:00 

É un sistema montañoso da provincia de Pontevedra de alto valor ecolóxico, famoso pola presenza do lobo ibérico e de aves rapaces.

A serra do Suído caracterízase polos altiplanos nos que abundan os pasteiros e o monte baixo de queirogas, toxos e carqueixas. As partes baixas da serra teñen fermosos vales e cursos de auga que discorren entre bosques autóctonos ben conservados.

Na primavera e no verán seus espazos abertos son ideais para que os sobrevoen grandes rapaces coma o impresionante voitre leonado, a aguia calzada, o miñato abelleiro, a aguia cobreira ou o miñato. Sobre as pendentes de monte baixo voan a tartaraña cincenta e a gatafornela. Así mesmo, é territorio do lagarteiro común e do falcón peregrino. E non faltan o picanzo vermello, a perdiz, o tordo charlo, a laverca… e os demais paxariños propios destes hábitats.

Enseada de San Simón (Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa)

Enseada de San Simón - Voando nas Rías Baixas

Día da actividade: 26 de xaneiro de 2020
Prazo de inscrición: do 13 ao 22 de xaneiro de 2020
Lugar de encontro: Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra
Hora de encontro: 9:00

Prazas agotadas

Situada no máis profundo da ría de Vigo, destaca a espectacular enseada de San Simón, onde a influencia das mareas propicia nesta paisaxe intermareal a invernada e o paso migratorio no outono e na primavera de interesantes aves acuáticas e mariñas, ademais de paseriformes dos contornos arbóreos, de aí que sexa un espazo protexido pola Rede Natura 2000.

Ademais do parrulo asubiador (que ten en San Simón un dos mellores lugares de invernada de Galicia), é posible observar outros anátidos atractivos. Resaltan tamén limícolas coma o bilurico das rochas, a píldora cincenta, o bilurico patirrubio e o claro, o pilro común e o tridáctilo, o mazarico real… e ardeidos coma a garza real, a garzota común, gaivotas varias, corvos mariños e paxariños coma o vistoso picapeixe.

Complexo Intermareal Umia-O Grove (reserva ornitolóxica de SEO/BirdLife-O Grove)

Complexo intermareal Umia - O Grove - Voando nas Rías Baixas

Día da actividade: 16 de febreiro de 2020
Prazo de inscrición: do 3 ao 12 de febreiro de 2020
Lugar de encontro: Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra
Hora de encontro: 9:00

Prazas agotadas

Situado no noroeste da provincia de Pontevedra nos concellos do Grove, Sanxenxo, Meaño e Cambados.

Este espazo está protexido pola Rede Natura 2000 (ZEC e ZEPA), como Zona Húmida de Importancia Internacional, segundo o Convenio Ramsar e como Zona de Especial Interese Comunitario pola importancia da súa biodiversidade. No ano 2014 unha parte do complexo foi declarada reserva ornitolóxica de SEO/BirdLife do Grove, sendo a reserva ornitolóxica máis grande de España, a única de Galicia e a única que conta con medio mariño.

Sen dúbida, é o mellor lugar de Galicia e un dos mellores de España para a observación de aves acuáticas invernantes, tanto pola diversidade coma pola sorprendente cantidade, pois máis de 18.000 acuáticas pasan os meses fríos nesta reserva, onde o cullereiro ten a principal localidade de invernada e de paso migratorio galego.

Tamén son destacables as concentracións de limícolas coma gabitas, virapedras, pilros, píldoras, mazaricos, píllaras, biluricos, distintas especies de parrulos, garzas, gaivotas, carráns ou corvos mariños, que se desprazan a esta reserva desde o norte de Europa para aproveitar a súa riqueza.

Esteiro do río Miño (A Guarda) e a foz da Ramallosa ou do río Miñor (Nigrán)

Esteiro do Río Miño e Foz da Ramallosa - Voando nas Rías Baixas

Día da actividade: 8 de marzo de 2020
Prazo de inscrición: do 24 de febreiro a partir das 09:00 h ao 4 de marzo de 2020
Lugar  de encontro: Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra ou no aparcamento do Parque do Paseo da Ramallosa 
Hora de encontro: ás 9.00 en Pontevedra ou ás 10.00 na Ramallosa

Prazas agotadas

Estes dous importantes espazos protexidos pola Rede Natura 2000 están situados no sur da provincia de Pontevedra. O esteiro do río Miño atópase no concello da Guarda e a foz da Ramallosa ou do río Miñor, en Nigrán e Baiona.

A desembocadura do río Miño e, dunha maneira semellante aínda que en menor medida, a foz da Ramallosa, forman esteiros intermareais con gran diversidade de hábitats que atraen infinidade de aves.

No inverno e nos pasos migratorios poderemos gozar tanto de aves acuáticas coma de aves mariñas, aves rapaces ou paxariños palustres que buscan refuxio nas súas ribeiras.

Destacan as limícolas coma mazaricos, biluricos, pilros ou avefrías, variedade de gaivotas, diferentes especies de parrulos, garzas, rálidos, mergullóns, ademais de aves mariñas coma os carráns cristados.

Tamén se ven aves rapaces, entre as que destacan a tartaraña das xunqueiras, o lagarteiro cincento e a aguia pescadora, da que é posible observar a súa espectacular forma de pescar.

Brañas de Xestoso (Silleda, Forcarei, A Estrada)

Brañas de Xestoxo - Voando nas Rías Baixas

Día da actividade: 30 de agosto de 2020
Prazo de inscrición: do 20 de agosto a partir das 9:00 ao 27 de agosto de 2020

Lugar de encontro: Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra
Hora de encontro: 9:00

Este espazo, declarado Zona de Especial Conservación e protexido pola Rede Natura 2000, atópase na zona norte e interior da provincia de Pontevedra, no límite entre os concellos da Estrada, Silleda e Forcarei.

Trátase dunha estupenda representación das serras baixas interiores da provincia de Pontevedra, con diferentes e valiosos ecosistemas coma brañas, prados húmidos, turbeiras, matogueiras baixas, rochedos, carballeiras e a lagoa Sacra de Olives.

Nos meses de primavera estes diferentes ecosistemas son os hábitats ideais para observar e escoitar escribentas amarelas e riscadas, lavercas, tordos charlos, trigueiróns ou especies migratorias procedentes de África, coma os picanzos vermellos, as picas das árbores, o cuco, a bubela...

Así mesmo, é un magnífico lugar para as rapaces, aves tan fermosas coma a tartaraña cincenta, a gatafornela, a aguia cobreira, o miñato abelleiro ou o falcón peregrino, entre outras.

Recomendacións, material e asistencia

  • A roupa debe ser cómoda e de abrigo nos meses fríos, e o calzado apropiado para moverse polo campo
  • As excursións contarán con 2 guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife de Pontevedra con experiencia e coñecementos contrastados
  • Ao ser unha actividade sensible de avistamento de fauna na natureza os grupos non deben ser moi numerosos, o máximo de prazas ofertado será de 15 persoas
  • Material óptico: cada participante terá á súa disposición prismáticos de observación de aves e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas
  • Material didáctico: entregaráselle unha guía de aves a cada participante na excursión
  • Recoméndase que as persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo acudan con eles. Tamén é recomendable levar una pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo
  • A actividade inclúe un autobús dende o punto de encontro ata a zona de realización da actividade
  • Os menores de idade deberán ir acompañados dun adulto
  • As nenas e nenos menores de 7 anos só poderán asistir baixo a responsabilidade dos seus titores legais e non ocuparan praza no autobús.
  • Infórmate no teléfono 886210725, Servizo de Medio Ambiente, en horario de 8:00 h a 15:00, de luns a venres ou enviando un correo a medioambiente@depo.gal
  • Todas as solicitudes presentadas fora do prazo de inscrición de cada actividade non serán tidas en conta

Última modificación: mércores, 19 agosto 2020