Voando nas Rías Baixas

Excursión para a observación de aves no esteiro do río Miño e na foz da Ramallosa

  • Día da actividade: domingo 4 de febreiro de 2018 
  • Prazo de inscrición: a partir do 23 de xaneiro de 2018
  • Lugar e hora do encontro: diante do pavillón municipal dos deportes de Pontevedra, ás 9.00, ou no aparcamento do parque do paseo da Ramallosa, en Nigrán, ás 10.00
  • Formulario de solicitude - Prazas esgotadas

Esteiro do río Miño, na Guarda, e foz da Ramallosa ou do río Miñor, en Nigrán, Pontevedra

Esteiro do río MIño

Estes dous importantes espazos protexidos pola Rede Natura 2000 están situados no sur da provincia de Pontevedra. O esteiro do río Miño atópase no concello da Guarda e a foz da Ramallosa ou do río Miñor, en Nigrán e Baiona.

A desembocadura do río Miño forma un esteiro cunha gran variedade de ambientes palustres que atraen infinidade de aves propias destes ecosistemas. Isto tamén ocorre na foz da Ramallosa, aínda que en menor medida.

Estes hábitats acollen no inverno e nos pasos migratorios tanto aves acuáticas coma mariñas, aves rapaces ou paxariños palustres que buscan refuxio nas ribeiras.

Nesta temporada pódense observar limícolas coma mazaricos, biluricos, pilros ou avefrías, así como patos, garzas, mergullóns e aves mariñas coma os parrulos pentumeiros. Vense tamén aves rapaces, das que destacan a gatafornela, o lagarteiro cincento e a aguia peixeira; neste espazo é posible observar a súa espectacular forma de pescar.

Recomendacións, material e asistencia

  • A roupa debe ser cómoda e de abrigo nos meses fríos, e o calzado apropiado para moverse polo campo
  • As excursións contarán con 2 guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife en Pontevedra con experiencia e coñecementos contrastados
  • Ao ser unha actividade de avistamento de fauna na natureza, os grupos nunca serán numerosos; o máximo de prazas ofertado será de 25 a 30
  • Material óptico: cada participante terá á súa disposición prismáticos de observación de aves e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas
  • Material didáctico: achegaráselle unha guía de aves a cada participante

Notas:

  • Recoméndase que as persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo acudan con eles.
  • O desprazamento desde o punto de encontro ata o de inicio da excursión realizarase con vehículos particulares e tratarase de compartir coche para reducir o impacto ambiental.
  • Aproveitarase a excursión, ademais de para o avistamento das aves, para falar da importancia dos humidais tanto para o ser humano como para a natureza en xeral.

Ruta Esteiro do Miño e Foz da Ramallosa