A Deputación destinará 75.000 € a reparar as beirarrúas na EP-2802 de acceso a Calvos, en Fornelos

A Deputación favorecerá a accesibilidade universal nun treito de 300 metros da vía, onde se aumentará o espazo público para as persoas

27/01/2022

Obras en Fornelos
 

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, visitou hoxe acompañado do alcalde de Fornelos, Emiliano Lage, a zona onde a Deputación de Pontevedra actuará para reparar as beirarrúas nun treito de 300 metros da EP-2802 de acceso a Calvos. Por mor do mal estado no que se atopan na actualidade, a Deputación porá en marcha estes traballos, cun orzamento de 75.000 € e un prazo de execución de tres meses, co que se mellorará a seguridade dos itinerarios peonís nesta vía provincial.

As obras na EP-2802 seguen as premisas de buscar un deseño que sexa comprensible, utilizable e practicable por todas as persoas en condicións de seguridade e comodidade, buscando a accesibilidade universal. Para iso será preciso demoler e levantar o pavimentos das beirarrúas que se atopan en mal estado para executar no seu lugar un novo paquete de firme, e a actuación suporá tamén substituír os bordos e renovar a sinalización horizontal en todo o tramo das obras. Os traballos comezarán coa roza e limpeza, continuarán coa pavimentación e ganancia de espazo peonil, seguirá a execución do novo firme coordinada coa construción dos novos bordos de formigón e, por último, rematarán coa renovación da sinalización.

Na actualidade as beirarrúas presentan falla de soleira, afundimentos, roturas, levantamento ou falta de baldosas, maleza e creación de fochancas, ademais do mal estado xeral de todo o pavimento. Todos estes problemas prexudican as condicións de mobilidade urbana peonil nunha zona, ademais, na que hai unha circulación intensa por mor das vivendas e equipamentos que se sitúan ao longo de toda esta estrada.

A actuación enmárcase dentro do modelo de actuación sostible e segura que a Deputación de Pontevedra implantou en todo o entramado de estradas provinciais e que quere estender a todos os concellos do territorio, onde a prioridade son as persoas que camiñan e con mobilidade reducida para conformar unha contorna onde se fomenta a convivencia de todos os medios de transporte e sistemas de desprazamento, cunha distribución equitativa do espazo público, impulsando en definitiva unha mobilidade universal.